Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz denuncia que a Xunta non abriu a matrícula para a galescola despois de anuncialo

NOTA DE PRENSA
O BNG DENUNCIA QUE A CONSELLARÍA DE TRABALLO E BENESTAR NON ABRIU A MATRICULA DA GALESCOLA DESPOIS DE ANUNCIALO

“Esperamos desde o BNG que se deixen de tanta propaganda e non enganen aos veciños”

O sábado, día 26 de setembro, coincidindo coa concentración convocada polo BNG para a apertura da Galescola de Foz, a Delegación Provincial da Consellaría de Traballo e Benestar anunciaba que durante a pasada semana abriría o prazo de matrícula para todos aqueles que quixeran inscribir aos seus nenos/as na Galescola. Ao día de hoxe, despois de preguntar nas dependencias do Concello e de poñerse en contacto co Consorcio, confirmouse que a matrícula aínda non está aberta. Esto fainos pensar que o dito anuncio foi unha nova mentira deste goberno para saír do paso e un fraude a todas as persoas que confiaban en poder matricular estes días aos seus fillos/as na Galescola.

As declaracións da Delegación –ao non ter constancia de que se fixese efectiva a apertura da matrícula- vénlle a dar a razón ao BNG cando afirmabamos que eran só propaganda oportunista e unha manobra disuasoria cun único fin: que a xente non se mobilizara e non acudira á concentración dese mesmo día diante da escola infantil, pretensión que fracasou porque foron moitas as persoas que acudiron.

Desde o BNG imos a estar vixiantes dos incumprimentos dun goberno que ata agora baseou toda a súa xestión en desprestixiar con mentiras a xestión do anterior goberno, que tiña un proxecto na área de benestar único no Estado e en Europa para levar os servizos públicos á maioría da poboación, uns servizos públicos de calidade e respectuosos coa identidade galega. Todo o contrario do Goberno de Feijoo, cunha clara pretensión de ir desmantelando os servizos públicos en beneficio de intereses privados. Segundo Basanta “o goberno Feijoo debería deixarse de tanta propaganda e poñerse a gobernar para todos os galegos poñendo en marcha servizos tan importantes coma este”.

O BNG esixe da Xunta do PP que abra a matrícula xa e que cumpra tamén co compromiso de abrir a escola no primeiro trimestre do próximo ano –xa que non quixo cumprir o compromiso conveniado co Concello de abrila este ano-. Para Basanta “é unha vergoña que a escola vaia a facer case un ano que está lista e aínda non se abrira”.

Desde o BNG non imos a permitir que se siga enganando á xente de forma tan descarada e estaremos expectantes de que se cumpran as débedas que a Xunta ten con Foz: a Galescola, o Centro de Día, a Residencia ou o tan demandado Servizo de Urxencias.

Exit mobile version