Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG informa en Cervo sobre o deterioro do servizo sanitario na Mariña

NOTA DE PRENSA
REPRESENTANTES DO BNG DE CERVO INFORMAN NO MERCADO DE SAN CIBRAO SOBRE O DETERIORO DO SERVIZO SANITARIO NA MARIÑA

Os nacionalistas ven na paralización dos proxectos comprometidos polo anterior goberno a confirmación de que o PP non aposta por mellorar o servizo sanitario na comarca

O BNG denunciou a inexistencia nos orzamentos presentados pola Xunta de Galiza dun compromiso claro para incrementar o servizo sanitario na Mariña, “ o PP unicamente consigna partidas para mantemento de instalacións nos orzamentos 2010 que xa estaban comprometidas polo anterior goberno galego” e non contempla nada para o Plan Funcional nin tampouco para ampliar as instalacións do Hospital da Costa.

Para o BNG os feitos desmenten as declaracións propagandistas, tanto da Conselleira Pilar Farjas como do parlamentar, José Manuel Balseiro, xa que “si realmente existira un compromiso decidido por incrementar o servizo sanitario na comarca, isto debería ter un reflexo nos orzamentos 2010”. O BNG insiste en que o debate non está na denominación da área sanitaria, senón na súa capacidade de xestión e na calidade dun servizo sanitario que día a día vaise deteriorando sen que se poña ningunha solución nin a curto nin a medio prazo.

Os nacionalistas cervenses ven “atinadas” as denuncias da Xunta de Persoal do Hospital da Costa e a constitución da Plataforma pola defensa da Area Sanitaria Norte xa que “na súa postura hai un compromiso claro en defensa da sanidade pública na Mariña que evite o progresivo deterioro dun servizo fundamental no que todos e todas as mariñáns, ao marxe da súa ideoloxía política, deberían estar implicados”, polo que animaron ás persoas a sumarse á reunión que a plataforma ten convocada para ás 20.30 do día 2 de novembro no salón de conferencias de Burela.

A campaña informativa que o BNG está realizando no conxunto da comarca sigue vixente e continuará intentando chegar ao maior número posíbel de cidadáns, tendo claro que só mediante unha contestación social clara e contundente poderemos frear a ameaza de retrotraer o servizo sanitario na costa a fai 20 anos..

Exit mobile version