Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama un informe sobre o funcionamento dos servizos sociais en Barreiros

NOTA DE PRENSA

O BNG RECLAMA UN INFORME SOBRE O FUNCIONAMENTO DOS SERVIZOS SOCIAIS EN BARREIROS. ANTONIO VEIGA SINALA QUE A AUSTERIDADE NON SE PODE APLICAR CANDO O 40% DA POBOACIÓN SUPERA OS 65 ANOS.

Barreiros, 2 de outubro de 2009. O BNG reclámalle ao alcalde un informe sobre o funcionamento e a situación dos Servizos Sociais no Concello. Os nacionalistas xa plantexaron este asunto no mes de abril e insisten de novo diante da falla de resposta por parte do equipo de goberno.

O portavoz do BNG, Antonio Veiga, sinala que “o Concello e Barreiros é sabido que ten unha poboación bastante avellentada, e é preciso que os servizos sociais funcionen do mellor xeito posible e que dean cobertura ao maior número de persoas”. Os nacionalistas lembran que “nós xa a finais de abril presentáramos unha pregunta en pleno e ademáis presentamos tamén un escrito solicitando que a Concellaría de Asuntos Sociais elaborase un informe sobre o funcionamento do departamento dos Servizos Sociais no Concello nos anos 2007, 2008 e 2009. Un informe no que se deberían recoller o número de solicitudes tramitadas para a prestación do servizo de axuda no fogar, explicando cantas foron as horas solicitadas e cantas as concedidas, e en función de qué criterios”.

Veiga Outeiro asegura que esta petición se plantexou “porque nesa época a antiga asistente social denunciou bastantes irregularidades no funcionamento do servizo. Nós en abril tamén solicitamos unha xuntanza urxente dos portavoces políticos para séremos coñecedores de todo o que estaba a acontecer no Concello nos Servizos Sociais. E hoxe a primeiros de outubro seguimos sen saber nada, xa que no último pleno se nos xustificou que esta ausencia de resposta viña motivada pola entrada dunha nova asistente social que é a que está redactando o informe”.

No BNG entenden que “esto non é de recibo e queremos saber ao igual que todos os veciños de Barreiros cómo está a funcionar este departamento e por eso esiximos outra vez que á maior brevidade posible se nos entregue ese informe porque queremos que os nosos maiores teñan a mellor atención e que non se reduza nin un só euro, nin un só céntimo neso”. Antonio Veiga engade que “nos Servizos Sociais non hai que ter austeridade, a austeridade haberá que tela en gastos superfluos, pero nun concello coma o de Barreiros cunha poboación na que preto do 40% pasa dos 65 anos esa atención ten que ir o máis aló posible. No mesmo pleno do pasado luns se debatiu, coa negativa do PP, a creación dun centro de día, por eso entendemos que a política social do PP, tanto na Xunta como no Concello de Barreiros non vai para beneficiar aos máis desfavorecidos”.

Exit mobile version