Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita que o alcalde de Foz clarifique por que contratou a unha empresa implicada na trama Gurtel

Nota de Prensa

A Construtora Hispánica foi a máis favorecida pola trama Gurtel, atopándose o seu presidente imputado no sumario da mesma

O BNG solicita a Rivera que explique por que contratou a unha empresa madrileña implicada na trama Gurtel

O Bloque Nacionalista Galego solicita que o Alcalde do Concello de Foz, José Maria García Rivera, clarifique cales foron as razóns que levaron a principio de 2007 ao mesmo a contratar coa empresa madrileña Hispánica o arranxo da travesía de Foz desde a Pena en Vilaxoane até a Rotonda de Forxán unha vez que Fomento lle cedeu este tramo da antiga N-642 ao Concello.
Hai que ter en conta que a Construtora Hispánica, segundo a parte do sumario do caso Gurtel coñecida, foi a empresa construtora que máis diñeiro pagou en comisións a trama corrupta dirixida por Correa até o punto de que o Presidente da mesma atopase a día de hoxe imputado por este sumario. Segundo o reconto realizado pola policía a Construtora Hispánica abonou seis pagos de 4.192.000, sendo segundo o sumario a empresa que máis enriqueceu a trama corrupta. O propio presidente da compañía Alfonso García Pozuelo, presidente de Constructora Hispánica, aparece nos apuntes da contabilidade b (diñeiro negro )  das empresas de Francisco Correa.
Neste sentido desde o BNG urximos que por parte da Alcaldía a maiores de aclarar as razóns de que se contratase a unha empresa de fora, que os traballos que realizou en Galiza son basicamente para o ente público Portos de Galiza no momento en que Pablo Crespo era membro do seu Consello de Administración, se clarifique cal foi a contía do abonado a mesma por esta obra.
Na mesma liña demandamos que se aclare se na obra da Travesía de Foz se fixo algún tipo de modificado de proxecto e si se  cumpriron a totalidade de cláusulas do prego económico administrativo así como se o proxecto foi executado na súa totalidade. Asemade desde o BNG solicitase que se aclaren, se o Concello as coñece, as razóns polas que a Construtora Hispánica subcontratou os traballos que realizou en Foz e se esta empresa contaba con medios e persoal propio para executar os traballos.

Xa por último desde o BNG reclamase ao Concello que aclare se esta empresa realizou algún traballo máis en Foz, ben sexa para unha administración pública ou algún tipo de obra privada.

Exit mobile version