Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela participará na Expogalaecia 2009 que se celebra en Vigo

BURELA (FNC) .- Burela estará presente na XII edición do Certame Internacional de Turismo, Gastronomía e Artesanía ExpoGalaecia 2009 que se desenvolverán no recinto feiral do IFEVI de Vigo, segundo ven de anunciar o concelleiro de Turismo, José González Legazpi.

O edil nacionalista sinala que “o Concello de Burela estará presente un ano máis nun dos escaparates turísticos máis importantes de España, un evento que concentra a máis importante presenza de expositores de Portugal, e que nesta edición incrementa o seu posicionamento segundo a organización preto dun 10% cunha representación que se achega ás 500 institucións e Concellos. En ExpoGalaecia haberá máis de 100 expositores, estimándose unha presenza de máis de 25.000 visitantes nun recinto duns 20.000 m2 ,así como unha cifra de negocio directa e indirecta superior aos 10 millóns de euros”.

González Legazpi segue a contar que “nesta XII edición de Expogalaecia 2009 será Peru o país convidado, e a nivel internacional Portugal o país con máis concentración de expositores, transformando a Vigo e Galicia na capital turística por excelencia do noroeste peninsular. Países como Exipto, Arxentina Grecia e outros moitos presentarán as súas novidades turísticas. Tamén estarán presentes comunidades autónomas como Asturias, Cantabria, Castela-León, País Vasco, xunto con Concellos, Diputacións, Consulados e outras institucións, o que representa un importante punto de encontro para o turismo e a gastronomía, consecuencia ésta pola que o Concello de Burela estará presente un ano máis neste interesante certame, para seguir valorizando o noso interese turístico e gastronómico, no senso de afianzar e posibilitar cotas de crecemento para Burela dentro do ámbito turístico”.

O concelleiro de Turismo engade que “Burela estará presente en ExpoGalaecia 2009 con stand propio, donde se divulgarán todos os nosos recursos turísticos, gastronómicos, culturais e históricos dentro dun espazo de importante repercusión pola súa situación no eixe da eurorexión de Galicia-Norte de Portugal que aglutina preto de seis millóns de habitantes, e por tanto de grande transcendencia para a potenciación do turismo para o Concello de Burela”.

Exit mobile version