Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo recupera o antigo lavadoiro da Viladesuso e o seu contorno

CERVO .- Continuando coa súa política de recuperación e posta en valor dos espazos naturais máis senlleiros do termo municipal, o Concello de Cervo ven de acometer a mellora medioambiental da zona do antigo lavadoiro do núcleo rural de Viladesuso co obxecto de recuperar o seu valor paisaxístico a través da creación dunha nova área de lecer pública que permitirá a realización de actividades de carácter recreativo integradas co medio ambiente.

As obras abarcaron unha superficie de 400 metros cadrados e consistiron no acondicionamento e restauración do antigo lavadoiro público mediante o enfoscado, limpeza e pintado dos seus muros xunto coa substitución da súa cuberta por unha de madeira e tella. Ademais, limpouse un tramo de 34 metros do regato que abastece de auga ao lavadoiro e acondicionouse o terreo da contorna mediante a semente de especies autóctonas e céspede para situar nel unha pequena área de lecer con mobiliario urbano de madeira.

Alfonso Villares, alcalde de Cervo, sinalou que esta recuperación do antigo lavadoiro veciñal e a súa contorna era unha das principais demandas dos veciños deste núcleo de poboación, ao tratarse dun lugar “de especial significado sentimental e patrimonial para moitos veciños”. Villares indicou tamén que esta actuación enmárcase dentro do programa municipal que esta a levar adiante o Concello de Cervo mediante o cal está previsto recuperar máis de 7.000 metros cadrados do municipio para destinalos a áreas verdes e de lecer.

O alcalde reiterou que un dos principais obxectivos do equipo de Goberno local é continuar co traballo iniciado en anos anteriores co proxecto Terras de Azul Cobalto “e tentar facer de todo o municipio unha gran área verde como signo distintivo da calidade de vida da que gozan os seus cidadáns”.

Exit mobile version