Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo cree que é urxente ampliar o Museo do Mar de San Cibrao

Nota de Prensa

O Grupo Municipal Popular presentou unha moción de urxencia a través da que se interesa pola potenciación desta importantísima infraestrutura cultural que está a celebrar o seu 40 aniversario

O PP DE CERVO PEDIRÁ QUE A DEPUTACIÓN CONTEMPLE NOS ORZAMENTOS PARA 2010 O INVESTIMENTO NECESARIO PARA A AMPLIACIÓN DO MUSEO PROVINCIAL DO MAR

•    O espazo actual é manifestamente insuficiente para albergar as innumerables pezas de alto valor patrimonial, moitas delas cedidas polos veciños e a estrutura limita o despregamento do seu amplo potencial museístico.

•    A ampliación do Museo do Mar xa formaba parte das previsións do ente provincial cando estaba xestionado polo PP. As forzas do bipartito prometeron levalo adiante pero nunca contemplan o investimento necesario para facer realidade este ambicioso obxectivo.

Cervo, 10 de outubro de 2009.- Coincidindo coa celebración do 40 aniversario da creación do Museo Provincial do Mar de San Ciprián, a principal infraestrutura cultural que a Deputación de Lugo xestiona no litoral da Mariña lucense, o Partido Popular de Cervo vén de reclamar que os orzamentos do ente provincial para o ano próximo inclúan unha partida presupostaria co investimento e en cantidade suficiente para acometer a ampliación da estrutura deste museo. O Grupo Municipal Popular rexistrará unha moción de urxencia que será obxecto de debate na vindeira sesión plenaria do Concello de Cervo e na que esperan contar co apoio unánime do conxunto das forzas políticas locais.

Segundo explican desde a formación popular o espazo actual do edificio -as antigas escolas fundadas en 1969 por D. Francisco Rivera Casás- é manifestamente insuficiente para albergar as innumerables pezas de alto valor patrimonial das que se dispoñen, moitas delas cedidas polos veciños. De feito gran parte do contido deste museo non forma parte da exposición permanente, polo que está almacenado á espera de que poida levarse adiante a ampliación. En consecuencia, a estrutura actual limita o despregamento do seu amplo potencial museístico.

UNHA VELLA REIVINDICACIÓN

A ampliación do Museo do Mar xa formaba parte das previsións do ente provincial cando estaba xestionado polo PP, que incluso estudou e negociou a adquisición dun solar anexo, de titularidade privada que permitiría conectar o Museo do Mar co espazo marítimo da praia do Torno. Tras o cambio de Goberno provincial as forzas do bipartito, que prometeron en múltiples ocasións levalo adiante, nunca materializaron este compromiso nin achegaron o investimento necesario para facer realidade este ambicioso obxectivo. Ao entender dos populares a ampliación do Museo do Mar, un proxecto do que se ven falando nos últimos anos pero que ata agora non se concretou,  é imprescindible, e suporía poñer en valor o edificio de grande singularidade que actualmente o alberga así como todo o espazo circundante.

No presente ano a Deputación incluiu nos orzamentos unha partida de 47.500 € para este museo, sensiblemente inferior á contemplada no ano 2008, cando o investimento real e directo superaba os 68.000 euros. Pola contra multiplícanse por seis os cartos destinados a traballos realizados por empresas privadas, alleas ao ente provincial, pasando de 10.000 a 60.000 euros, sen especificar o seu destino concreto.  Os populares reclaman un acordo do conxunto das forzas políticas de Cervo para demandar da Deputación un esforzo na ampliación deste compromiso orzamentario. “O mellor agasallo que poderíamos recibir todos os veciños no 40 aniversario do museo é coñecer que agora si, con prazos e cantidades concretas, existe o compromiso sobre o papel e con feitos de ampliar o museo”

IMPULSO A UN REFERENTE NADO POLO ESFORZO DOS VECIÑOS

Os populares insisten en que a meirande parte do material compilado no museo foi doado polos veciños de San Ciprián, e do resto Mariña, para que se espuxeran nel pero, sobre todo, se conservaran. Desafortudamente carencia do espazo impide que todas as pezas que se atopan na comarca poidan depositarse nestas despendencias. Por elo, teñen que ser derivadas a otros lugares, como foi o caso dos restos dun buque do século XVIII encontrados en Moras, restos arqueolóxicos da Atalaia, castros, etc. “Non só non se incrementaron as pezas do museo senón que, por riba, nin se expoñen nin se conservan as que con tanto traballo lles costou conseguir ós antiguos xestores, a Asociación de Veciños Cruz da Venta de San Ciprian”.

Exit mobile version