Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo presenta unha moción “polo procedemento de urxencia” reclamando ampliar o Museo do Mar de San Cibrao

Nota de Prensa

O GRUPO MUNICIPAL DO PARTIDO POPULAR no Concello de Cervo a través do seu portavoz JOSE MANUEL BALSEIRO OROL en base á lexislación vixente, presenta a seguinte

MOCIÓN RECLAMANDO A AMPLIACIÓN DO MUSEO PROVINCIAL DO MAR

Para a súa tramitación polo procedento de URXENCIA

Que se fundamenta na seguinte
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Museo Provincial do Mar de San Ciprián constituíuse oficialmente fai 40 anos –o 11 de outubro de 1969-  malia que a súa xénese anterior é froito da colaboración de escolares e de familias da localidade, coa iniciativa do mestre local Francisco Moisés Rivera Casás.

A principal institución museística de titularidade provincial na Mariña lucense nace da colaboración e apoio dos veciños, moitos dos que cederon en depósito o como doazón toda clase de aparatos náuticos, pesqueiros, maquetas de embarcacións,  pezas disecadas e fósiles,  ás que se uniron as coleccións de  conchas e olgas, nas que traballaron os escolares.

Na actualidade, ao igual que fai catro décadas, as escolas unitarias que deixaron de funcionar a finais do anos setenta, serven de sede ao museo. As limitacións de espazo derivadas da estrutura actual do edificio obrigan a que gran parte do contido deste museo, estea almacenado á espera de que poida levarse adiante unha ampliación.

Así  foi o caso do buque do século XVIII atopado en Moras, ou dos restos arqueolóxicos da Atalaia, que poderían pertencer a un asentamento castrexo de ribeira. A estrutura actual limita dun xeito evidente o despregamento do seu amplo potencial museístico, e non só impide incrementar as pezas do museo en exposición permanente senón que tamén, por riba, nin tan sequera permiten que se expoñan nin se conserven as que con tanto traballo lles custou conseguir aos antigos xestores.

Nun primeiro momento o Museo do Mar de San Ciprián foi xestionado pola asociación de veciños “Cruz da Venta” e en 1994, pasou a integrarse na  sección náutica do Museo Provincial e dez anos despois comezou a funcionar dun xeito autónomo,  como entidade cultural dependente da Rede Museística Provincial.

Colectivos, promotores e a totalidade das forzas políticas coinciden na necesidade de acometer a ampliación do Museo do Mar. Coincidindo coa celebración do 40 aniversario desta institución museística, cómpre adquirir o compromiso de achegar o investimento necesario para facer realidade este ambicioso obxectivo.

Resulta evidente que a ampliación do Museo do Mar de San Ciprián, un proxecto do que se ven falando nos últimos anos pero que ata agora non se concretou,  é imprescindible, e suporía poñer en valor o edificio de grande singularidade que actualmente o alberga así como todo o espazo circundante.

É polo que o Grupo Municipal Popular eleva ao Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos

PROPOSTA

PRIMEIRO.- Instar á Deputación provincial de Lugo a incorporar dentro das súas previsións orzamentarias para o ano 2010 unha partida en cantidade suficiente para acometer o proxecto de ampliación do Museo do Mar de San Ciprián.

Exit mobile version