Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide que ó PSOE reclame a Fomento a creación dun “xestor portuario autónomo para A Mariña”

Nota de Prensa

Empraza ao PSOE a actuar con valentía reclamando ao Ministerio de Fomento, de José Blanco, a creación deste xestor portuario autónomo para A Mariña

BALSEIRO SUBLIÑA O CARÁCTER HISTÓRICO DA POSICIÓN FAVORABLE DE PORTOS DE GALICIA PARA QUE A MARIÑA POIDA CONTAR CUNHA AUTORIDADE PORTUARIA PROPIA

* “Fixo falla que o Partido Popular asumira a responsabilidade de Goberno, para que a administración escoitara e se comprometera a defender esta proposta despois de anos de discriminación, esquecemento e silencio”

* PSOE e BNG votaron repetidamente en contra da creación dunha autoridade portuaria propia para A Mariña, mentres que un Goberno do PP posibilitou que Lugo sexa provincia marítima, paso previo para conseguir este obxectivo.

Santiago, 16 de outubro de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro Orol, subliñou hoxe a grande importancia e o carácter clave da declaración efectuada desde o Ente público Portos de Galicia, que vén de anunciar a súa boa disposición para a creación dunha autoridade portuaria propia na Mariña lucense de ser esta tamén a determinación do Goberno do Estado.

O deputado popular explicou que esta é a primeira vez na que desde a Xunta se defende a posibilidade de facer realidade esta histórica reivindicación da sociedade da nosa comarca, conscientes de que actuaría en beneficio da Mariña lucense. Deste xeito, o volume económico e productivo derivado do tráfico de mercadorías e servizos nos portos da Mariña redundarían de forma plena na costa lucense. “Fixo falla un cambio de Goberno na Xunta, que o Partido Popular asumira a responsabilidade de Goberno, para que a administración escoitara a nosa proposta e se comprometera a defendela despois de anos de discriminación, esquecemento e silencio”.

COMPETENCIA ESTATAL

En todo caso, agora a “pelota está no tellado do Goberno central” que, como organismo competente neste ámbito, debe decidir, por unha banda, a creación da autoridade portuaria propia para a costa norte de Lugo e, por outra, a determinación dunha coordinación entre os portos da cornixa marítima lucense.

PSOE E BNG VOTARON REPETIDAMENTE EN CONTRA

Balseiro Orol foi moi crítico coa posición mantida ata o momento por socialistas e nacionalistas quen, na pasada lexislatura, votaron repetidamente xa non só en contra da creación dunha autoridade portuaria propia para Lugo, senón incluso mantiveron este mesmo voto negativo, repetidamente, en cantas iniciativas con este obxecto se debateron en distintos ámbitos, entre eles o propio Parlamento de Galicia. Pola contra, explicou o voceiro popular do Mar, foi un Goberno do PP o que posibilitou –en 2002- que Lugo sexa provincia marítima, paso previo para conseguir este obxectivo e para a consolidación deste departamento administrativo no litoral lucense.

De feito, insistiu Balseiro, “só o PP vén mantendo unha actitude coherente neste asunto. Nunca mudou a súa postura favorable a outorgar a posibilidade de que un ente autónomo da Mariña xestione os seus portos. E seguimos nesta mesma liña a diferenza daqueles outros partidos que non son de  fiar e cambian  de criterio cando están en Madrid, na Mariña ou en Santiago, ou cando están no Goberno ou na oposición” – en referencia a socialistas e nacionalistas-.

RECLAMA VALENTÍA AO PSOE DA MARIÑA

Centrándose no deputado Ismael Rego, reclamoulle valentía e compromiso coa Mariña de tal xeito que sexa capaz de pedirlle ao seu compañeiro de partido, o lucense Jose Blanco, Ministro de Fomento, que sen máis dilación cree a Autoridade Portuaria da Mariña “o PSOE, coa complicidade do BNG sempre sumiso, leva seis anos discriminando A Mariña e privando a esta comarca dos ingresos e investimentos que por dereito nos corresponden, pois son cartos xerados nas dársenas sitas nesta  comarca. Chegou o momento de que esto cambie ou pronto acontecerá como en Galicia, que os veciños lles cambiarán a eles”.

Finalmente, Balseiro tamén pediu ao PSOE que apoie ao PPdeG na defensa dos intereses dos portos da Mariña e, moi en concreto, do porto comercial de  Ribadeo que está a sufrir a ameza latente de perda de tráficos e de empresas, como consecuencia da competencia do porto de Xixón. “Fomento e, polo tanto o PSOE de Ismael Rego, ten que decidir se a súa prioridade e beneficiar a Xixón, baleirando de servizos ao porto de Ribadeo, ou impulsar a darsena mariñá para que poidan competir en igualdade de oportunidades”

Exit mobile version