Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide regular as procesións marítimas para manter a tradición mariñeira en Galicia

Noa de Prensa

Os deputados populares piden que se declaren de especial interese cultural as relacionadas coas festividades do Carme e que se autorice con tal motivo o embarco de imaxes, bandas de música e persoas non ligadas a empresa nin a tripulación habitual

O GRUPO POPULAR SOLICITA UNHA REGULACIÓN DAS PROCESIÓNS MARÍTIMAS QUE FAGA VIABLE ESTA  TRADICIÓN MARIÑEIRA EN GALICIA

* Para o PPdeG as capitanías do porto deberán establecer cada ano o número máximo de persoas que poidan embarcar tendo en conta a estabilidade e seguridade na embarcación

* Piden que se autorice a contratación de seguros para cada un deses eventos, que os armadores non poidan percibir compensación económica dos participantes e que estes o fagan baixo a súa responsabilidade

Santiago , 7 de outubro de 2009.- O Grupo Popular ven de presentar no Parlamento de Galicia unha iniciativa encamiñada a que a Xunta de Galicia inicie un proceso de diálogo co Ministerio de Fomento co obxectivo de proceder a regular as condicións de desenvolvemento en situación de viabilidade das procesións marítimas e os diferentes aspectos relacionados con estas.

Para os deputados populares, dentro das tradicións mariñeiras de Galicia  ocupan un lugar destacado as procesións marítimas que teñen lugar durante a celebración das Festas da Nosa Señora do Carme, polo que consideran que entre as condicións en que se debería propoñer a regulación destas está a declaración de especial interese cultural as celebradas nesas datas. Así solicitan que se autorice con tal motivo o embarco de imaxes, bandas de música e persoas non ligadas a empresa nin a tripulación habitual, que participen en ditas procesións marítimas.

Ademais, na iniciativa do Grupo Popular, se indica que as capitanías do porto establecerán cada ano o número máximo de persoas que en réxime de acompañantes na procesión poidan embarcar, tendo en conta a estabilidade e seguridade da embarcación, e se autorice de maneira expresa a contratación de seguros para cada un deses eventos que poidan cubrir calquera risco ou eventualidade que poida presentarse.

Os deputados populares propoñentes  da iniciativa ( José Manuel Balseiro, José Fervenza Costas, Ignacio López-Chaves, Marta Valcárcel, Rosa Oubiña e Jesús Goldar,) tamén solicitan que unha das premisas para esta regulación sexa que os armadores e patróns dos buques non poidan percibir compensación económica algunha por parte dos participantes que embarquen neles, independentemente das compensacións que poidan acordar cos organizadores da procesión ou da comisión de festas correspondente.

As persoas que embarquen farano libremente, indican na iniciativa, liberando de toda responsabilidade a patróns e armadores das embarcacións, non pudendo levar a cabo ningunha reclamación contra eles, exceptuando os dereitos que teñan nas cláusulas estipuladas nos seguros. Así mesmo os patróns dos buques poderán denegar o embarque cando estima que se exceden os límites establecidos polas capitanías, polos contratos de seguro ou cando estimen que o embarque poida supoñer un risco para a seguridade do buque. Nese sentido os patróns dos buques denegarán o embarque a persoas en estado de intoxicación etílica ou baixo influxo das drogas.

Para os deputados populares é necesario que a Xunta proceda  a unha regulación sobre estas procesións dada a importancia especial que teñen en Galicia e que constitúen unha importante tradicións nos pobos costeiros.  Esta necesidade de regulación se produce dados os incidentes acaecidos en Aguiño (cun fallo xudicial contra un armador dun barco no que un neno a resultou accidentado na procesión) ou en Moaña (coa caída dunha persoa a ría ou o afundimento dunha planeadora con menores a bordo) que fan temer  a perda das tradicionais procesións marítimas.

Exit mobile version