Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE considera indecente a actuación do xefe territorial da Consellería do Mar sobre a dimisión dunha concelleira en Lourenzá

NOTA DE PRENSA
REGO CONSIDERA INDECENTE A ACTUACIÓN DO XEFE TERRITORIAL DA CONSELLERIA DO MAR, SOBRE A DIMISIÓN DUNHA CONCELLEIRA EN LOURENZÁ

– O deputado socialista rexistrou no Parlamento unha pregunta na que reclama saber a actuación do Xefe Territorial da Consellería do Mar e tamén Alcalde de Lourenzá, sobre o seu proceder neste asunto.

Burela , 17 de outubro de 2009. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego considera indecente a actuación do Xefe Territorial da Consellería do Mar, sobre a dimisión dunha concelleira en Lourenzá.

Rego rexistrou no Parlamento unha pregunta na que reclama saber a actuación do Xefe Territorial da Consellería do Mar e tamén Alcalde de Lourenzá, sobre o seu proceder neste asunto.

O deputado socialista relata que desde a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza respondeuse o pasado día 25 de agosto a unha pregunta presentada por unha deputada e un deputado do Grupo Parlamentario Popular, relativa á presentación dun escrito de renuncia ao posto de concelleira presentado no Concello de Lourenzá.

Na referida contestación, quizais por veleidades estivais, chegan a cualificarse os feitos como “de suma gravidade”, engadindo a posteriori que de confirmarse serían “( … constitutivos dunha infracción penal”. É dicir, son de suma gravidade con independencia de que se confirmen ou non.

A frase literal é a seguinte: “Trátase de feitos de suma gravidade que, de confirmarse a versión facilitada pola concelleira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, serían constitutivos de delito”.

Así mesmo, rexéitanse e condénanse os feitos en función de que se teñan ou non producido, o que segundo os responsables do Goberno supoñen un fraude aos cidadáns e unha burla ás institucións públicas.

Sen dúbida algunha, o responsable do Goberno encargado de dar contestación escrita a esta iniciativa esqueceuse de facer o máis mínimo, xa non rigoroso, seguimento do proceso, permitíndose axuizar e case condenar, con independencia de feitos tales como:

– A renuncia da concelleira foi tramitada pola secretaria municipal.

– A citada renuncia foi incluída na orde do día do Pleno polo Alcalde, sen facer a máis mínima comprobación ou pescuda de información da interesada.

– A renuncia non só foi incluída na orde do día, senón que foi aceptada a súa decisión no Pleno sen que a interesada estivera presente, nin fose requirida por ningún órgano municipal para ratificar ou non a súa renuncia.

– Finalmente a renuncia foi tramitada perante a Xunta Electoral, que chegou a expedir a correspondente acta de concelleiro ao seguinte da lista.

Ante tal situación seguro que cabe cuestionarse, cando menos, os motivos polos que un alcalde pode incluír na orde do día unha renuncia dun concelleiro, sen que esta sexa ratificada cando menos diante do secretario/a municipal; a xustificación razoable para dar por aceptada a renuncia sen a presenza da interesada ou ratificación da súa manifestación de vontade, e, sobre todo, cómo se pode ter secuestrada a acta dun concelleiro unha vez que esta foi remitida pola Xunta Electoral.

As devanditas dúbidas son razoables ante a actuación de calquera alcalde, pero alcanzan un grao superlativo, cando quen é o máximo responsable destas manobras é un destacado membro da nova Administración apolítica e profesional, da post-burocracia á popular, é dicir, cando quen ademais de alcalde de Lourenzá, é xefe territorial da Consellería do Mar en Lugo.

Polo exposto o deputado que asina formula a seguinte pregunta para a súa resposta oral en Comisión:

1.ª) Que probas manexa o Goberno galego que dean algún tipo de soporte ou fundamentación ás cualificacións recollidas na contestación á pregunta número 2.333 formulada polo Grupo Parlamentario Popular?

2.ª) Que valoración fai o Goberno sobre o proceder do alcalde de Lourenzá na tramitación e desenvolvemento do procedemento de renuncia?.

Exit mobile version