Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo detecta contradicións entre o alcalde e o delegado de deportes

Nota de Prensa

O único que crea déficit en Cervo é  o salario do alcalde e concelleiros do PP, incapaces de xestionar nada

Villares e o concelleiro de deportes contradícense nas cifras; o alcalde asegurou en abril que manter aberta á piscina supoñía 120.000 €, e 6 meses despois son 200.000 €

Para o GM Socialista o único déficit real de Cervo é o custo dos salarios do alcalde e concelleiros do PP, pola súa incapacidade de xestionar de forma axeitada os recursos cos que conta o Concello de Cervo.

A parte de mentir aos veciños, traballo que se lles da de marabilla, os argumentos empregados para salvar as críticas veciñais e dos usuarios, son absurdas e pouco cribles. O Concello non pode dicir que manter a piscina é caro, posto que se trata dun servizo público, e polo tanto o obxectivo non é a rentabilidade, senón o propio servizo en si.

Ademais, si temos que fiarnos do alcalde de Cervo, este aseverou en Abril que os gastos por ter aberta esta instalacións eran de 120.000 €, fronte aos 200.000 € que agora di o concelleiro de deportes, e polo tanto seguimos sen saber quen di a verdade en todo este asunto.
Falta de inversión

En todo caso esta cifra, non é tan importante, se temos en conta que as inversións nas instalacións municipais nos últimos 10 anos foron nulas, e que o mantemento que o Concello di asumir, non ten a dotación orzamentaria suficiente para manter en condicións óptimas as instalacións, o que favorece a súa degradación. Para mostra so fai falla ver o estado dos canalóns, paredes, escaleiras, vestiarios, grifería, etc.

Falta de Promoción

O Concello tampouco move un dedo en promocionar a piscina e desta maneira, mentres Ourense cunha piscina similar celebra campeonatos de España en distintas modalidades todos os anos, Cervo leva sen acoller un acontecemento deportivo pola pasividade do equipo de Goberno. Tampouco se incentiva o deporte da natación entre os máis pequenos, o que impide ter un club de natación similar ao que teñen noutros concellos veciños.

Polo tanto non valen escusas, senón  feitos, e a culpa non a ten a piscina municipal por existir e dar servizo a mais de 500 veciños, senón a falla de iniciativa do alcalde e concelleiros do PP, que non producen polo que se lles paga, e que por certo, son bastante mais caros que o déficit da piscina Municipal.

Exit mobile version