Site icon Crónica3.com A Mariña

Orzamentos e demagoxia

Orzamento.– 1. Cálculo anticipado do custo dunha obra ou dun servizo. 2. Cantidade que se destina para certo gasto. SIN. Presuposto. É unha previsión de futuro.

Era o mes de outubro e o neno miraba con degoiro as bicicleta dos seu amigos. El tamén quería unha e pensou en pedirlla a súa nai para os Reis.
-Non te preocupes, meu rei, que coa paga extra do Nadal habémosche comprar a bicicleta para que sexas coma os demais.
O neno quedou satisfeito e, choutando, foi xogar cos seu amigos e contarlles que el tamén ía ter unha bicicleta.
No mes de novembro a empresa do pai fixo un ERE e a familia quedou sen a paga extra do Nadal. Á nai entroulle angustia de non poder cumprir a promesa que lle fixera ao fillo. Tiña dúas alternativas: sacar os cartos doutras necesidades ou pedir un préstamos para comprar a bicicleta. No primeiro caso terían que privarse de comer e de vestir, no segundo caso quedaría empeñados e a bicicleta sairía máis cara por mor dos xuros. Así que optaron por non cumprir a promesa, e cando chegaron os Reis o neno quedou frustrado sen o agasallo prometido. O presuposto fóra un desastre.

Isto mesmo pasa ano tras ano cos orzamentos do Estado, da Xunta e dos concellos. E unha vez e outra vez os cidadán volvemos crer nas promesas e ficamos frustrados unha e outra vagada ao final de cada ano. E todos seguimos tropezando múltiples veces na mesma pedra, dando unha grande importancia mediática á discusión dos presupostos e esquecéndonos de como se executou o do ano anterior. Para os partidos que gobernan en cada administración e que son os responsables de facer as promesas (orzamentos) sempre son bos e xenerosos, para a oposición, en cada caso, son sempre malos.

Neste ano chégase a incongruencia de que o PP critica os orzamentos do Estado e eloxia os da Xunta, cando unha boa parte dos presupostos galegos dependen das transferencias do Estado. Isto dálle máis credibilidade e realismo ao circo informativo e á demagoxia no que ultimamente se está convertendo a política neste país. E todos os partidos caen no mesmo comportamento.

Eu penso que chegado este tempo, independentemente do que fixera o goberno de cada administración coas previsións de futuro, o que se debera estar discutindo e aclarando para toda a cidadanía debera ser o cumprimento e execucións dos orzamentos anteriores. Debérannos estar explicando canto se prevía ingresar no ano 2009 e canto se ingresou en realidade, cantos cartos se consignaron para cada obra e cantos se gastaron, que actividades se presupoñía que se ían facer e cantas se executaron. Só deste xeito poderíamos valorar a capacidade de xestión de cada goberno e recapacitar sobre se debemos crer ou non as reiteradas promesas de cada ano, que na maior parte dos casos rematarían en frustración, como lle ocorreu ao neno coa súa desexada bicicleta.

Se isto non se fai, supoño que será porque a ninguén lle gusta quedar co cu ao aire.

Exit mobile version