Site icon Crónica3.com A Mariña

Queremos Galego trae o venres a O Valadouro a Miro Casabella que actúa na Casa da Cultura

O VALADOURO .- A plataforma Queremos Galego trae a súa vila natal, O Valadouro, o cantautor Miro Casabella, un dos fundadores da nova canción galega a través do colectivo Voces Ceibes na segunda década dos sesenta. Actuará na casa da Cultura o venres as nove da noite.

Nota de Prensa

Queremos galego do Valadouro convida aos veciños a participar do acto e da manifestación do 18 en Compostela.

Miro Casabella actúa na Casa da Cultura de Ferreira o Venres 9 ás 21:00 h.

O cantautor de Ferreira do Valadouro, Miro Casabella, actuara o vindeiro Venres 9 de outubro a partir das 21 no Salón de actos da Casa da Cultura de Ferreira de Valadouro no que vai ser o seu primeiro concerto na súa vila natal despois de máis de corenta anos polos escenarios de todo o mundo.

A actuación de Miro Casabella, un dos fundadores da nova canción galega a través do colectivo Voces Ceibes na segunda década dos 60, vai ser un repaso aos seus máis de corenta anos de carreira artística iniciado co seu disco Soia editado en 1966 pola mítica Edigsa e na que destacan temas como “Ti, Galiza”, “O meu pais”, “A bandeira” ou “Maria Soliña”.

O compromiso coa lingua e coa cultura do País é unha constante na música de Miro, o primeiro músico en cantar en galego despois da Guerra Civil, ate o punto de que musicou a boa parte dos poetas galegos sendo tamén o primeiro músico que despois do 36 utilizou a zanfona nos seus recitais.

O concerto de Miro Casabella en Ferreira do Valadouro está organizado pola “Plataforma Queremos Galego” que pretende con este acto alertar sobre a difícil situación que está a vivir a lingua neste momento concreto. Ivan Marrube indicou que “a ese estado de saúde de por si preocupante, como reflicten todos os estudos elaborados ate o momento, únese un elemento non menos grave: as medidas regresivas que no ámbito da lingua ou da cultura está a aplicar o actual goberno da Xunta xa desde os primeiros días da lexislatura”.

Ivan Marrube chamou “a transformar en enerxía a prol da defensa do noso idioma, elemento central da nosa existencia colectiva, a gran preocupación que a actual política lingüística do goberno galego ten creado en amplos sectores da sociedade. Instamos ao noso pobo a moverse a favor de aquilo que nos une e identifica, que nos sitúa as galegas e os galegos no mundo no mesmo nivel que as outras culturas do planeta, aquilo que nos fai universais: a nosa lingua”.

Xa por último Marrube animou aos veciños do valadouro a participar da mobilización do 18 de Novembro e recordaron que haberá un autobús gratuíto desde  o Valadouro que sairá de diante do Restaurante O Frenazo para acudir a manifestación que saíra o Domingo 18 ás 09:00 de diante do Concello. Neste sentido desde a Plataforma “Queremos Galego” recordaron que aquelas persoas que queiran acudir a manifestación debe anotarse chamando ao Tlf:982-140-654 en horario de 11:00 a 13:00 e de 18:30 a 20:30 de Luns a Venres.

Exit mobile version