Site icon Crónica3.com A Mariña

Ramón Luís Bernardo é o novo responsable local do BNG en Cervo

NOTA DE PRENSA:
“Ramón Luís Bernardo Insua foi elixido en asemblea de afiliados/as novo Responsábel Local do BNG en Cervo”

Bernardo Insua agradeceu o apoio e confianza dos militantes e avanzou a disposición do BNG para traballar activamente coa sociedade na mellora do concello de Cervo

Cervo, 6 de outubro de 2009. A Asemblea Local do BNG escolleu a Ramón Luis Bernardo Insua como novo responsábel Local da formación nacionalista en Cervo, co cal péchase o proceso asemblear aberto na XIII Asemblea Nacional. Bernardo Insua ocupou o terceiro posto na candidatura que concurriu ás pasadas eleccións municipais e leva xa moitos anos traballando activamente no BNG de Cervo, ademais colabora no campo asociativo como directivo da ANPA do IES Marques de Sargadelos e na sociedade Deportiva Cervo-Sargadelos, integrado na súa xunta directiva así como na Agrupación de voluntarios de Protección Civil da “Mariña” en Xove.

“En Cervo fai falla traballo, ideas e ilusión, xusto o que non ten o actual goberno municipal”

O novo responsábel local manifestou “a disposición do BNG ao traballo co conxunto dos veciños do concello, sexan ou non nacionalistas, que consideren que hai outro xeito de facer as cousas”, neste sentido enmarcou a apertura de contactos sistemáticos cos colectivos e asociacións de veciños do concello par recoller as súas inquedanzas e necesidades. “E evidente o abandono e a parálise en canto a iniciativas do actual goberno do PP, non hai ninguén que leve o timón e iso nótase”, dixo Bernardo Insua en relación á inexistencia de políticas para a mocidade, os maiores, política cultural ou política deportiva; “a mala situación económica das arcas municipais non pode ser obstáculo para que se faga unha xestión dos servizos cotiás cun mínimo de eficiencia”

“O BNG está aberto a recibir as queixas e suxerencias dos veciños e veciñas de Cervo”

Na liña de incrementar o contacto social, o portavoz local, animou aos veciños a pasar polo local que a organización ten na localidade de San Cibrao, “o local estará aberto aos veciños nas tardes dos mércores a partir das 6 da tarde” cunha persoa que atenderá todas aquelas cuestión que os cidadáns nos queiran propoñer. Esta actitude que se leva adiante co voluntarismo dos militantes, contrasta coa falta de dedicación dos concelleiros do grupo de goberno no concello, que aínda cobrando todos das arcas municipais non se sabe nunca cando e a que hora atenden aos veciños.

Exit mobile version