Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo prepara a Axenda 21 para “a educación dos escolares con criterios de desenvolvemento sostible”

RIBADEO (FNC).- O Concello prepara a Axenda 21 Escolar para o curso 2009-2010, segundo ven de anunciar o concelleiro de Medio Ambiente. Horacio Cupeiro dixo que “o pasado día 1 creamos a Axenda Local de Sostibilidade e ese mesmo día tivemos unha xuntanza do núcleo de sostibilidade, representantes da Consellería de Medio Ambiente e os directores e profesores dos colexios públicos para crear a Axenda 21 Escolar para o curso 2009-2010. Con ela pretendemos a educación dos escolares con criterios de desenvolvemento sostible tanto nos contidos como nos programas, facendo en todo momento fincapé na participación dos alumnos tanto nas accións como no seu deseño”. O edil nacionalista asegurou que “desde o Concello imos apoiar todo o que estea nas nosas mans, xa que polos alumnos pasa o bó criterio para conseguir ao final ese desenvolvemento sostible tan desexado”.

Polo que respecta á  Axenda Local de Sostibilidade, Cupeiro explicou que “a súa función vai ser o peso do sistema da xestión ambiental do Concello, deseñar as tarefas de educación e sensibilización e sobre todo impulsar a participación cidadá retomando a Axenda 21 Local, que estaba parada desde o 2001 e funcionando como unha guía de comunicación entre o Concello e os cidadáns no referente á sostebilidade, recollendo propostas dos cidadáns e o Concello transmitíalles as iniciativas da administración. Na próxima actualización da páxina web do Concello incluiremos a páxina da Axenda Local de Sostibilidade e definirase a forma de contactar con ela. Ata ese momento a oficina, o teléfono e o correo electrónico son os da Concellaría de Medio Ambiente”.

Horacio Cupeiro aludiu á polémica sucitada coa contratación do axente local de sostibilidade “foi a condición sine qua non que nos puxeron desde a Xunta para contar con este núcleo. Tivemos que contratar ese axente polo período de vixencia do núcleo de sostibilidade porque toda a documentación ten que ser levada adiante por personal técnico”.

Exit mobile version