Site icon Crónica3.com A Mariña

Teima o PP nas críticas ao presidente da Deputación de Lugo

NOTA DE PRENSA

O GPPP reitera as súas críticas a Besteiro pola falla de contido das xuntas de goberno e os plenos

* Os populares consideran que está paralizada a actividade da Deputación e que o Presidente só concibe a provincia de Lugo coma un enorme plató fotográfico e televisivo

Lugo, a 25 de outubro de 2009.- “Cero contido nas xuntas de goberno; cero contido nos plenos. Esta é, unha vez máis, a conclusión que sacamos da orde do día da xunta de goberno da Deputación celebrada o pasado venres e dos asuntos que está previsto abordar no pleno que se celebrará o vindeiro martes”, asegurou o voceiro adxunto do Grupo provincial do Partido Popular José María González Barcia.

Na súa opinión, resulta “lamentable que, día tras día, teñamos que chamar a atención sobre a falla de ideas, de proxectos e de contido dos órganos de decisión da administración provincial”. Así, segundo salientou, as decisións do goberno provincial “non poden limitarse” á concesión de subvencións e á contratación dalgúns servizos ou dalgunha obra.

“Resulta patético que levemos así dous anos e medio. Que neste pleno e no anterior, nada de nada de producción propia, e hai que lembrar que en agosto non houbo sesión, co que a paralización da actividade política da deputación é evidente”, engadiu.

Esta paralización tamén se dá no Inludes e en Suplusa. “O único para o que serve a Deputación é para colocar catro amigos e algúns excargos da Xunta bipartita, que continúan vivindo tan ben como vivían porque se antes non facían nada agora fan menos”, indicou Barcia.

Na opinión do voceiro adxunto dos populares, os cidadáns da provincia “estamos pagando entre todos a inxente campaña de marketing de Besteiro, que entende Lugo coma un enorme plató fotográfico e televisivo”.

“Resulta intolerable que a finais de 2009 nos veña falando agora de cumplir cos concellos do canon mesmo con cartos do ano 2008. Resulta impresentable que tardara tanto tempo en cumplir unha sentencia xudicial, que é, ó fin, o que está facendo”, engadiu.

Exit mobile version