Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha retrospectiva de Manuel Bujados abriu a conmemoración do 40 aniversario do Museo do Mar

SAN CIBRAO .- Unha exposición retrospectiva de Manuel Bujados abriu a conmemoración do 40 aniversario do Museo do Mar de San Cibrao. Neste acto estivo presente o responsable de Cultura da Deputación e acudiu numeroso público que tamén presenciou un espectáculo audiovisual no que a fachada principal da galería foi o soporte material no que se proxectaron un gran número de obras de diversos artistas da Mariña.

Nota de Prensa
A EXPOSICIÓN RETROESPECTIVA DE MANUEL BUJADOS ABRE AS XORNADAS CONMEMORATIVAS DO 40 ANIVERSARIO DO MUSEO DO MAR

A Área de Cultura da Deputación tamén programou un espectáculo audiovisual no que se proxectaron as obras de varios artistas mariñaos na fachada do edifico

LUGO, 9 de outubro de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este venres, xunto a outras autoridades locais e numeroso público, na inauguración da exposición retroespectiva de Manuel Bujados que acolle o Museo Provincial do Mar con motivo dos actos do seu 40 aniversario. Logo disto, o nacionalista tamén presenciou un espectáculo audiovisual no que a fachada principal da galería foi o soporte material no que se proxectaron un gran número de obras de diversos artistas da Mariña.

A inclusión desta exposición no programa de actividades do 40 aniversario do Museo do Mar pretende recuperar e dar a coñecer a obra e personalidade deste artista viveirense finado a mediados do século XX. A comezos deste ano, e coincidindo co 120 aniversario do nacemento de Manuel Bujados, o Museo de Lugo presentoulle por primeira vez á sociedade lucense e galega a colección máis completa da obra deste autor da que dispón calquera institución, pública ou privada, dentro ou fóra de Galiza. A mostra tomou forma grazas á doazón, realizada ao museo lucense no ano 1966 por un mecenas desta institución e do Centro Lucense de Bos Aires, Antonio Fernández López, na que se incluían máis de 30 obras do artista mariñao entre as que destacan numerosos esbozos, debuxos e pintura de técnica mixta.

Tanto na exposición presentada en Lugo coma a que estes día acolle o Museo do Mar tamén se inclúen numerosos exemplares de xornais e revistas da época e un bo número de debuxos inéditos ata este ano, data na que o persoal do Museo Provincial os descubriu mentres enmarcaba e preparaba para exposición diversos lenzos incluídos na colección permanente de Manuel Bujados que salvagarda a galería lucense.

Tal e como salientou Antón Veiga, a Deputación de Lugo, a través da súa Área de Cultura, deseñou un programa de actividades aberto a toda a poboación lucense no que se tenta afondar na vinculación histórica existente entre os galegos e o mar e tamén render unha homenaxe aos impulsores desta iniciativa, o profesor Francisco Rivera Casas e os seus 34 alumnos, quen en 1969 sentaron as bases do actual Museo Provincial do Mar.

Os actos conmmerorativos continúan mañá, sábado 10 de outubro, coa recepción, ás 10:30 horas, dos alumnos e alumnas do curso 1969-1970 do Centro Educativo D. José María Fernández Montenegro e fundadores deste espazo cultural de referencia na comarca da Mariña. Logo disto, un nutrido grupo de rapaces e rapazas da vila lerán varios textos sobre o mar seguidos da actuación da Viveiro Big Band. Xa pola tarde, o Museo do Mar réndelle homenaxe aos seu benfeitores entregándolles un agasallo aos descententes do artífice e promotor deste espazo, o mestre Francisco Rivera Casás. O actor Avelino González pecha a segunda das xornadas coa representación da peza teatral “Vento Mareiro” dirixida aos máis novos. O domingo 11, o Museo do Mar acolle, ás 12:30 horas, a actuación do músico Antón Castro, ás 17:00 horas o relatorio do documentalista pontevedrés Lino Pazos sobre a caza das baleas e, por último, ás 19:00 horas, a actuación do grupo musical Clan Maragato.

Exit mobile version