Site icon Crónica3.com A Mariña

A axencia de desenvolvemento local de Burela presenta un blog como punto de encontro informativo

BURELA (FNC) .- A Axencia de Desenvolvemento Local e Novas Tecnoloxías de Burela presenta un blog como ferramenta de comunicación, segundo ven de anunciar o concelleiro de Industria, Comercio e Turismo, José González Legazpi.

O edil nacionalista explica que “con esta iniciativa preténdese potenciar a información de ámbito empresarial e comercial primordialmente. O blog que se presenta como novidade dende a Delegación de Industria, Comercio e Turismo confórmase dende unha estrutura inicial que referencia os apartados de actualidade, comunicación e normativa, se ben a pretensión evidente é desenvolver accións de maior pluralidade vencelladas aos servizos e accións que se levan a cabo dende a ADL”.

González Legazpi destaca que “o seu deseño está vencellado ao mar como un referente claro da socioeconomía de Burela, ao tempo que fai referencia aos servizos esenciais que se prestan dende a Axencia de Desenvolvemento Local, informando entre outras, da normativa e novas de actualidade de interese social e empresarial, publicación de axudas e subvencións en materia de autoemprego, vivenda…etc. Este novo espazo web pódese visitar no seguinte enlace: http://www.blogoteca.com/adlburela/”.

O responsable do proxecto defíneo como “un punto de encontro e información dentro do ámbito municipal que será actualizado de forma constante dende a ADL, xa que está estruturado e deseñado dende esta dependencia municipal, e que no futuro poderá ser integrado na páxina web do Concello e mesmo dentro do proxecto no que se está a traballar denominado Burela Virtual. O seu sentido esencial será manter unha ventá aberta á comunicación dende a ADL para o acceso á información de interese xeral, municipal e primordialmente no ámbito dos sectores económicos locais”.

Exit mobile version