Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación investiu dende o ano pasado 15 millóns de euros no mantemento da rede viaria provincial

LUGO .- A Área de Infraestruturas leva investidos desde 2008 e en distintas actuacións de conservación e mantemento da rede viaria provincial 14.805.851 euros, segundo aseguran dende a Deputación. Dentro do Plan de Conservación anual, leváronse a cabo actuacións nas estradas da Deputación por valor de 9,2 millóns de euros.

Nota de Prensa

A Deputación investiu dende o ano pasado 15 M€ no mantemento da rede viaria provincial

– Dentro do Plan de Conservación anual, leváronse a cabo actuacións nas estradas da Deputación por valor de 9,2 millóns de euros

– O organismo provincial executou1,2 M€ dentro do POS 2008 e realizou obras de mellora en 19 viais

– 47 Concellos, 25 máis que o ano pasado, subscribiron en 2009 o convenio polo cal os municipios asumen directamente a xestión da roza

– Dos 82 expedentes expropiatorios, 50 xa teñen rematada a súa tramitación administrativa, o que supón 67 quilómetros de estradas provinciais

A Deputación, a través da Área de Infraestruturas, leva investidos desde 2008 e en distintas actuacións de conservación e mantemento da rede viaria provincial 14.805.851 euros. O Deputado de Vías e Obras, Manuel Martínez, explicou que esta cantidade corresponde a iniciativas de conservación, reparación, desbroce de estradas e a obras executadas dentro do POS de 2008. Martínez subliñou que “nestes momentos calquera estrada que se arranxa faise nunhas condicións de calidade, de tal xeito que a totalidade dos proxectos novos que se están a facer son en aglomerado en quente, con sinalización horizontal e vertical. Xa temos varios viais na provincia que son un espello deste procedemento. A rede viaria é moi extensa, con 4.200 quilómetros, dos cales 2.000 non deberían ser viais provinciais. Isto débese á política errónea da anterior Deputación, e que consistía en que carretera que se arranxaba ou se asfaltaba, pasábase automáticamente á rede da Deputación sen que isto debese de ser así”.

Martínez indicou que dentro do Plan de Conservación anual leváronse a cabo actuacións en estradas provinciais de todos os Concellos da provincia por valor de 9.167.144 euros. Neste caso, as unidades máis significativas consistiron na aplicación de tratamento bituminoso (rego asfáltico) en 736.019 metros cadrados de firme.  Asimesmo, o Deputado provincial subliñou que en 2009, executáronse traballos de bacheo xeralizado en 238 estradas, limpeza de cunetas en 75, eliminación de desprendementos, retirada de árbores en 92, construción de muros, limpeza de neve e eliminación de placas de xeo, rexeneración superficial con tratamentos bituminosos continuos en 38 estradas e reposición de muros en 4.

Acondicionamento dos viais

Dentro do Programa de reparación, rehabilitación e acondicionamento da rede viaria da Deputación, executáronse traballos de mellora en estradas de 24 Concellos (Ourol, Muras, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pastoriza, Meira, Pol, A Fonsagrada, Baleira, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Sarria, Samos, O Incio, Láncara, O Corgo, Courel, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Pobra de Brollón). Corresponden a 19 estradas provinciais e a unidades executadas consistiron en 286.761 metros cadrados de tratamento asfáltico. A esta actuación, a institución provincial destinou 1.743.883 euros.

Dentro do POS de 2008, dotado con 2,2 millóns de euros, o organismo provincial xa realizou obras de mellora na estrada de Cereixal a Louxas, dende o punto quilométrico 10,000 ó 19,000, que afecta ós Concellos de Becerreá, Baleira, Navia de Suarna e A Fonsagrada; e na CP que vai de Pobra de San Xillao ó Páramo dende o punto quilométrico 0,000 ó 5,850. Nos dous viais procedeuse ó ensanche e á aplicación de aglomerado en quente de 6 centímetros de espesor, pintura horizontal, sinalización vertical e instalación de ollos de gato e barreira de seguridade. Na mellora destes dous viais, o organismo provincial investiu 1.166.345 euros.

Desbroce das estradas e expropiacións

Polo que se refire ó desbroce das estradas, unha iniciativa posta en marcha por primeira vez na Deputación polo actual equipo de goberno, a institución provincial investiu desde 2008 1.489.427 euros. Nese ano 22 Concellos, que suman 1.395 quilómetros, subscribiron o convenio, mentres que en 2009 foron 47 os municipios que asinaron o acordo a través do cal asumen directamente a xestión da roza. Son os seguintes e suman 2.918 quilómetros: Abadín, Alfoz, Baleira, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castro de Rei, Castroverde, Courel, Cervantes, Cospeito, Chantada, Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Guntín, Xove, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Pobra de Brollón, A Pontenova, Pastoriza, Páramo, Pedrafita, Pol, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribadeo, Ribas de Sil, Riotorto, Samos, Sarria, Trabada, Triacastela, O Valadouro, Vilalba, Viveiro e Burela.

Dos 82 expedentes expropiatorios xestionados polo actual Servizo de Expropiacións, 50 xa teñen rematada a súa tramitación administrativa. A lonxitude das estradas correspondente resultou ser de 66,972 quilómetros, o que supón unha media de 30,09 fincas afectadas por quilómetro de vía. A superficie total afectada nas devanditas parcelas foi de 618.963 metros cadrados, é dicir, unha superficie media por parcela de 307,178 metros cadrados.

O Deputado de Infraestruturas subliñou que “o Servizo de Expropiacións funcionaba ata chegou o actual equipo de goberno a estilo compadre. É dicir, que se había acordo co propietario habíao ou ben uns cedían os terreos gratuitamente, outros chegaban a un prezo determinado e, os que se opoñían á expropiación, íaselles aumentanzo o prezo, co cal cada propietario pasaba de non cobrar ata que recibir a cantidade que quería ou que se lle ofertaba”. Para Martínez este “era un sistema anárquico que non levaba a ningún lado á Deputación. De feito nada máis tomar posesión atopámonos con que tiñamos estradas dos Plans provinciais dende o ano 2003 sen terreos para facer as obras, o que nos levou a perder cantidades de cartos, aínda que, en moitos casos,  a Deputación executounas con fondos propios”.

O importe total dos prezos fixados definitivamente en vía administrativa, isto é, os correspondentes ás avinzas xunto cos fixados polo Xurado de Expropiacións de Galicia, resultou ser de 4.331.422 euros.

Exit mobile version