Site icon Crónica3.com A Mariña

A exposición “Nostalxias” achega a Cervo obras da artista novel Adriana Pardo Basanta

CERVO .- A asociación cultural A Sombriza retoma o programa “Novos Artistas, Novos Valores”. Esta será a segunda edición desta actividade que ten por obxecto dar a coñecer as obras de mozos creadores, unha vez máis, no ámbito da pintura
Baixo o título NOSTALXIAS, o colectivo cultural achegará ata o municipio de Cervo obras da artista novel Adriana Pardo Basanta, mariñá de 21 anos de idade, que na actualidade está a estudar 4º curso no Grao de Belas Artes (en Pontevedra) e que foi alumna do IES Monte Castelo.
A través das pinturas seleccionadas para a exposición Adriana Pardo pon de manifesto o sentir dos máis pequenos, auténticos protagonistas das súas obras. Sentimentos como o da nostalxia, a falta de afecto, a perda, a incomprensión … aparecen reflectidos no doce carácter e na inocencia dos nenos pequenos retratados. En definitiva, quere amosar a importancia da expresión dos sentimentos, a través das súas creacións que transcenden o material e que chegan ao corazón do espectador, levándoo á reflexión e á emoción.
COLABORACIÓN INSTITUCIONAL
O colectivo cultural que preside Geni Piñeiro, agradece a colaboración da área de Cultura do Concello de Cervo e da Deputación Provincial. Ambas institucións contribúen a facer posible o programa “Novos Artistas, Novos Valores” unha aposta de grande éxito tanto polo número de visitantes da mostra como pola acollida dos expertos, que salientaron a alta calidade das obras dos noveles autores seleccionados.
ACTO INAUGURAL
A inauguración da exposición NOSTALXIAS, de Adriana Pardo Basanta, terá lugar o vindeiro venres día 20 de novembro ás 20 horas, no Centro Cultural e de Servizos á Cidadanía de Cervo (edificio contiguo á Casa do Concello). A mesma correrá a cargo do Alcalde de Cervo, Alfonso Villares e tamén está prevista a presenza da concelleira de Cultura e Xuventude así como doutras autoridades.
FUTURO PROMETEDOR
Desde A Sombriza aproveitan a ocasión para convidar a todos ao acto inaugural e, en todo caso, a visitar a exposición que permanecerá aberta ata mediados do mes de xaneiro. Cómpre salientar a xuventude de Adriana Pardo Basanta, que desde que coa curta idade de 7 anos pintou o seu primeiro cadro nunca deixou de crear. Hoxe a paixón que sente pola pintura transfórmase en pura creatividade, e adianta un futuro prometedor no mundo das Belas Artes.
NAMORADA DA PINTURA
A exposición NOSTALXIAS acolle pinturas feitas coa técnica do óleo, nesta ocasión para retratar aos máis pequenos malia que na súa obra persoal –allea aos traballos da súa carreira como estudante- tamén inclúe outro tipo de obras como as paraxes da súa Mariña natal, ou incluso creacións abstractas. A autora explicou que a pintura dálle liberdade, vida, alegrías, ofrécelle desafogo … confésase como unha “namorada da pintura” e parte deste pequeno gran universo poderá verse, grazas Á Sombriza na sala de exposicións de Cervo.

Exit mobile version