Site icon Crónica3.com A Mariña

Exposición de fotos de Alfonso Costa no centro comarcal da Mariña central en Mondoñedo

MONDOÑEDO .- Acción contra a Fame e o Centro Comarcal da Mariña Central (Mondoñedo) ofrecen con esta exposición ao público, a mirada dun pintor e fotógrafo galego que visita un dos países mais pobres do mundo: Níxer

No mes de abril do 2006, unha expedición organizada pola ONG Acción contra a Fame, e integrada por algúns dos seus membros xunto a outros pertencentes a Cultura Solidaria Galega -entre os que se atopa o propio Costa- percorre o país nixerino , non só para obter información directa sobre a castigada rexión africana, senón tamén para coñecer in situ o desenvolvemento dos diferentes proxectos humanitarios que Acción contra a Fame desenvolve alí.

Esta experiencia é aproveitada por Alfonso Costa para, entre outras cousas, captar co obxectivo da súa cámara as imaxes intensamente vívidas dunha paisaxe humana que sofre e, porén, mantén ergueita a bandeira da dignidade e da esperanza. Porque, se cadra, este é un dos aspectos máis salientables da mostra realizada por Costa e que moito ten que ver coa súa persoal mirada artística.

Acción contra a fame traballa en Níxer dende o ano 1997. Levamos a cabo proxectos de auga e saneamento, prevención e tratamento da desnutrición, mellora das condicións sanitarias materno – infantís, mellora e diversificación da produción agrícola e gandeira, etc.

Níxer é un dos países máis pobres do mundo segundo o informe do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD): ocupa o posto 174 de 178.

A esperanza de vida da poboación é de 55,8 anos .

A mortaldade infantil é de 256 por mil

Acceso a auga: 46% da poboación

Acceso a saneamento: 13% da poboación.

Exit mobile version