Site icon Crónica3.com A Mariña

Asegura o PP estar convencido de que na Mariña asumen e comprenden a área sanitaria e a autonomía do Hospital

Nota de Prensa

Os populares afirman que o BNG tan só busca xerar alarma social e polémica sen ningún tipo de fundamento

O PP ASEGURA QUE AS DECLARACIÓNS QUE CÓMPRE DESAUTORIZAR SON AS DO VOCEIRO COMARCAL DO BNG PORQUE NON SE ENTEIRA DE NADA

•    No PP están convencidos de que o 90% dos veciños da Mariña asumen e comprenden as palabras do Presidente da Xunta, garantindo a continuidade da área sanitaria e a autonomía do Hospital da Costa, que ademais ampliará o seu catálogo de servizos.

A Mariña, 05 de outubro de 2009.-  No Partido Popular da Mariña creen que as declaracións públicas que cómpre desautorizar pola súa falta de realidade e evidente manipulación son as do voceiro  comarcal nacionalista, Antonio Veiga, en relación coa sanidade pública mariñá. Os populares están convencidos de que o 90% dos veciños da Mariña asumen e comprenden as palabras do Presidente  da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a través das que non só garantiu a continuidade da área sanitaria da Mariña senón que tamén adiantou que o Hospital da Costa manterá a súa autonomía e ampliará a súa carteira de servizos

CATASTROFISMO NACIONALISTA

No PP comarcal insisten en que o discurso catastrofista dos nacionalistas respecto dunha hipotética perda de servizos no Hospital da Costa tan só ten por obxecto xerar alarma social e polémica, pero non ten ningún fundamento tal e como aclararon tanto o xefe do Executivo galego como a Conselleira de Sanidade. Os populares están convencidos de que no BNG andan ao remolque das iniciativas do PP e neste senso lembran que os nacionalistas e os socialistas tiveron que votar a favor dunha proposición non de lei dos populares na se instaba á Xunta a garantir a continuidade da área sanitaria.

PREGUNTAS EN COMISIÓN, PARA SER OBXECTO DE DEBATE

Os populares emprazan aos nacionalistas a facer as preguntas que teñan que facer de xeito oral, diante dunha Comisión Parlamentaria da Cámara galega. Probablemente agora fan as preguntas por escrito porque non teñen a valentía de facelo  oralmente, pois moi seguramente nun  debate a realidade dos feitos, permitiría sacarlle as cores.

NON ENTENDE OS ORZAMENTOS

Finalmente desde o PP explican que os orzamentos da Xunta para 2010 contemplan un investimento superior ao millón de euros para acometer as actuacións incluídas no Plan director do Hospital. “Se o señor Antonio Veiga non sabe miralo, o mellor que podería facer e buscar a alguén que llo explique, para que o entenda, e non ande metendo a pata continuamente, non só cando fala de  sanidade senón cando fai todo tipo de declaracións públicas poñendo de relevo que non se enteira de nada”

Exit mobile version