Site icon Crónica3.com A Mariña

Begasa reclama ao Concello de Cervo unha debeda de 268 mil euros baixo ameaza de corte, advirte o BNG

Nota de Prensa

UNHA NOVA RECLAMACION DUNHA EMPRESA SUBMINISTRADORA DE ELECTRICIDADE ADVIRTE DO CORTE DE SUBMINISTRO A FINAIS DE NOVEMBRO

Begasa fai unha nova reclamación de 44,6 millóns de pesetas que deberán abonarse antes do 27 de novembro baixo ameaza de corte do subministro

Os nacionalistas pregúntanse que fai o alcalde cos impostos da cidadanía e como xustifica que non se executen os pagos de facturas eléctricas orzamentados como gasto corrente

Cervo, 12 de novembro de 2009. O Bloque Nacionalista Galego de Cervo fai pública unha nova reclamación dunha compañía subministradora de enerxía eléctrica ao concello de Cervo que reclama o pago de 44,6 millóns das antigas pesetas antes do 27 de novembro, advertindo que de non executarse o pago na data sinalada procederían a iniciar os trámites para o corte do subministro eléctrico.  Os nacionalistas concretan no seu escrito que as cantidades reclamadas nalgúns casos son as mesmas que esta compañía reclamaba en xuño de este ano ás que se suman as correspondentes ao período de xuño a setembro mais intereses por importe de 889.115 pesetas.

268.310,18 euros en facturas correspondentes aos anos 2007, 2008 e 2009 que aínda non foron recoñecidas

De acordo co requirimento de pago rexistrado no concello o 4 de novembro as cantidades reclamadas correspóndense con facturas de subministro eléctrico do ano 2007(77,47 euros), 2008(100.859,02 euros) e 2009(162.026 euros) mais intereses de demora por  5.347,69 euros, en tódolos casos facturas aínda sen recoñecer e sen mandamento de pago. O BNG advirte que chove sobre mollado e reitera que as reclamacións das eléctricas non son as únicas presentadas por empresas provedoras de materiais e servizos ao concello de Cervo,  “dende fai tempo recíbense no rexistro municipal reclamacións de empresas adxudicatarias de obras, de telefonía, de medios de comunicación, de SOGAMA, ou de bufetes de avogados, que nalgún caso optan pola presentación das reclamacións pola vía xudicial”, sinala o portavoz nacionalista, Xoán Estúa.

O goberno local trata de agochar o problema no canto de solucionalo

O concelleiro e portavoz municipal do BNG, Xoán Estúa, cualificou de irresponsábel a actitude do Alcalde e Delegado de Facenda, Alfonso Villares, “que se limita a criticar ao BNG por dar a coñecer aos veciños a caótica xestión municipal, mais non fai nada para solucionar os problemas”. Estúa lembrou que os gastos en enerxía eléctrica son gastos correntes consignados nos orzamentos municipais para atender o seu pago e,”á vista das reclamacións non se utilizan para ese fin polo que sería bo saber que fai o alcalde co diñeiro dos contribuíntes que ademais deberán pagar intereses de demora pola mala xestión do goberno que dirixe”.

Os cidadáns non teñen porqué pagar a mala xestión económica do PP

Os nacionalistas responsabilizan ao goberno do PP da situación ao considerar que Cervo é o único concello da comarca que está nesta situación económica a pesar dos cuantiosos ingresos procedentes da “boom” da construción dos últimos anos, sen que esta capacidade recadatoria servira para mellorar a facenda municipal, “moi ao contrario este feito deixa como lastre a desfeita urbanística e as arcas municipais baleiras”, sinala Estúa.

Por último, Estúa volveu facer fincapé nas consecuencias que a mala xestión económica do PP ten para os cidadáns de Cervo, o portavoz nacionalista aludiu á modificación de diferentes ordenanzas fiscais aprobadas polo goberno local en sesións plenarias do ano 2008 con incrementos porcentuais do 4,5% para 14 ordenanzas fiscais cando a suba do IPC en Galiza estaba no 3,6%; na mesma liña Estúa reclamou ao PP coherencia política xa que “o mesmo partido que reclama nuns sitios a baixada de impostos en época de crise, onde lle toca gobernar fai todo o contrario”. O portavoz nacionalista advertiu que “non poden ser os veciños quen paguen os pratos rotos da mala xestión económica do PP”, e anunciou que pedirá a actualización das ordenanzas fiscais de acordo co IPC actual.

Exit mobile version