Site icon Crónica3.com A Mariña

Benestar Social da Deputación concedeulle 91.000 ao Concello de Burela para Servizos Sociais

BURELA (FNC) .- A Área de Benestar Social da Deputación Provincial de Lugo ven de concederlle unha subvención de 91.000 euros para os gastos derivados dos servizos sociais que presta o Concello de Burela. Segundo informa a concelleira nacionalista Neves Cando, desa partida arredor de 68.000 euros van destinados ao mantemento de servizos da escola infantil que conta con 120 prazas; 6.000 son para axuda no fogar; 2.000 para actividades de ocio infantil co fin de facilitar a conciliación da vida familiar coa laboral; outros 2.000 euros son para o servizo Xantar na casa do que se están a beneficiar máis de 15 persoas en Burela e máis 13.000 euros van para a ampliación e mellora da zona de xogos infantís no parque de Rosalía de Castro.

Neves Cando sinala que “en total son máis de 91.000 euros para os nosos servizos sociais. Unha importante cantidade de diñeiro que amosa a importante xestión que facemos para achegar cartos ao noso Concello e mellorar os servizos que ofrecemos aos nosos veciños e veciñas, algo que parece non entender o portavoz da oposición o Sr.González Barcia á vista das últimas declaracións que fixo aos medios de comunicación sobre o meu labor á fronte da Delegación de Cultura”.

Despilfarro son outras cousas

A edil de Benestar Social, Igualdade, Cultura e Deporte asegura que “o Sr.González Barcia nin ninguén do PP de Burela é quen de criticar nada da área de Cultura porque descoñecen totalmente o que se fai neste campo. Nin o portavoz do PP, que vive en Lugo, nin ningún membro do seu equipo participan nunca das actividades culturais que se ofrecen no noso Concello e por iso descoñecen a repercusión social e económica que iso supón para Burela”.

Neves Cando engade que “o Auditorio cheo cando hai algunha actuación cultural e sobre todo cando se trata do público infantil é a mellor recompensa e satisfacción para a Delegación de Cultura. Familias enteiras que veñen dos concellos veciños a disfrutar do nosa programación cultural e tamén a comprar e gastar no noso concello é unha realidade do día a día que o PP de Burela descoñece porque non se enteira de nada disto. Ao PP de Burela moléstalle que se invista en cultura, na biblioteca pública, nas actividades para os máis pequenos e que isto repercuta positivamente na economía dos nosos comerciantes e hostaleiros”.

A concelleira nacionalista suliña que “a isto o PP de Burela chámalle despilfarro e parranda e isto cremos que é unha ofensa para o noso pobo que sí participa, non coma eles, en todas estas actividades e disfruta con elas. E falando de despilfarro, despilfarro sí que é que o o portavoz do PP de Burela cobre 60.000 euros da Deputación polo traballo de que fai, que valoren senón os veciños e veciñas de Burela”.

Exit mobile version