Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo colabora con Portos para buscar o lugar onde se construirá a réplica do “Paca Gómez”

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, adiantou hoxe que o equipo de Goberno municipal está a manter contactos con Portos de Galicia de cara a seleccionar o emprazamento que se destinará para construír a réplica da goleta “Paca Gómez” que ten programado levar adiante este organismo dependente da Consellería do Mar na vila de San Ciprián o ano que ven.

Segundo indicou o rexedor, para a elaboración desta réplica será necesario dispoñer dunha superficie de 50 por 25 metros e, ademais de estar preto do mar, “deberá ter unhas condicións que permitan que poda ser visitado por toda a xente que desexe presenciar a construción deste barco sen entorpecer os traballos dos artesáns” indicou Villares.

“Dende o Concello de Cervo congratulámonos da decisión de Portos de levar adiante este proxecto no noso municipio, posto que a construción deste barco tan emblemático para San Cibrao supón o compromiso coa carpintería de ribeira e co rico patrimonio cultural marítimo do que dispoñemos” asegurou o alcalde.

O rexedor indicou tamén que a fabricación desta goleta conxugará a difusión do patrimonio cultural propio e a creación de postos de traballo, “estimulando así unha demanda solvente e sostible”. “Penso que esta iniciativa é un bo exemplo do que podemos facer as distintas administracións cando xuntamos os nosos esforzos cara a potenciar proxectos que teñan un efecto xerador de emprego mediante a promoción dunha actividade en fase de extinción e conxugándoa co compromiso coa nosa riqueza cultural, para preservar así a cultura mariñeira da nosa vila e da comarca da Mariña”.

A construción desta nave suporá uns dous anos de traballo artesanal. Así mesmo, promoverá a divulgación da cultura náutica e patrimonio marítimo entre os nenos e maiores, e poderá ser visitada durante todo o proceso de construción nesta instalación adaptada.

Esta embarcación será a primeira en cen anos que será fabricada en Galicia seguindo os métodos artesanais empregados hai un século, será unha referencia histórica na construción de embarcacións tradicionais en Galicia

A histórica goleta “Paca Gómez”, foi un barco de gran significado en San Ciprián. Esta embarcación foi construída a principios do século, no ano 1905 polo carpinteiro José Daniel Paleo, cun arqueo de case 87 toneladas, unha eslora de 22 metros e manga de 6,50 metros cun puntal de 2,5 metros, sendo valorada naquel momento en 29.000 pesetas. Os seus primeiros donos foron Estanislao Fernández de la Ballina de Cedeira e de Demetrio Gómez Paleo. Causou baixa definitiva en 1969 e remodelouse en 1952 incorporándolle unha maquina de vapor

Exit mobile version