Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo queixase do mal estado das estradas da Deputación

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, en nome do equipo de Goberno municipal remitiu hai uns días un escrito á Deputación de Lugo denunciando o mal estado no que están a quedar os accesos ás vías municipais ao longo de todo o trazado da estrada que une a parroquia de San Román co concello veciño de Burela e que actualmente está acometendo o mencionado organismo provincial.

Segundo o rexedor cervense, o descontento dos veciños dos núcleos de poboación que discorren ao longo de toda esta estrada é xeneralizado e lévanse queixando no concello constantemente polos desniveis existentes nos 3 quilómetros de trazado que está en obras e as pistas municipais que dan acceso ás súas vivendas e ás súas fincas. “Estamos a recibir tódolos días protestas dos veciños, e agora coa chegada das choivas os problemas vanse a agravar aínda máis. Por iso, remitimos hai uns días un escrito á Deputación facéndonos eco deste descontento veciñal e esixíndolles que apresuren a subsanar as deficiencias e rematen esta estrada canto antes, porque do contrario ese traxecto pódese converter nun foco de accidentes” asegurou o alcalde.

Castelo-Trasbar

O alcalde tamén indicou que no escrito remitido á Deputación o goberno local tamén amosaba o seu descontento polo abandono por parte da entidade provincial da estrada que une os núcleos de Castelo e Trasbar. “O tempo continua pasando e os veciños están fartos do mal estado que presenta esta estrada, a cal vai empeorando día tras día sen que a Deputación faga nada por arranxala, por iso lle solicitamos aos seus responsables a máxima celeridade nas obras de mellora e de mantemento das estradas da súa competencia que están no nosos termo municipal” dixo Villares.

Exit mobile version