Site icon Crónica3.com A Mariña

Comeza en Ribadeo a campaña “un futuro por compartir en igualdade”, dirixida aos centros de ensino

RIBADEO (FNC) .- Concello e centros de ensino de Ribadeo poñen en marcha a quinta edición da campaña Un futuro por compartir en igualdade, coa que pretenden sensibilizar aos rapaces en todas as etapas educativas coincidindo coa celebración, o 25 de novembro, do día internacional contra a violencia de xénero. A concelleira da Muller, Mariluz Álvarez Lastra, agradeceu aos centros a súa colaboración “porque sin eles sería imposible levar adiante esta iniciativa, xa que por moitas propostas que nós fixéramos senón fosen ben acollidas non poderían levarse adiante”.

Os obxectivos da campaña céntrase en descubrir a importancia que exercen os estereotipos na configuración da personalidade dos nenos e nenas, en fomentar a participación igualitaria nas tarefas e actividades no ámbito privado e público, e en potenciar a educación en igualdade de oportunidades entre o estudantado.

Un futuro por compartir arrinca mañá 20 de novembro nos colexios Gregario Sanz e Sagrado Corazón cunha sesión de contacontos Canto conta a igualdade a cargo de Manolo Panforreteiro para os alumnos de 3º de educación infantil. A quinta edición desta campaña desenvolveráse entre os meses de novembro de 2009 e maio de 2010. Haberá obradoiros de coeducación para os nenos de primaria, obradoiros de sexualidade e afectividade impartidos polo centro Quérote de Burela. Éstes serán en novembro para os rapaces de 3º da ESO e en xaneiro para 6º de primaria e 4º da ESO.

Álvarez Lastra suliñou que “unha das novidades desta ano é un concurso de guións cinematográficos destinado aos alumnos de secundaria. Terán que empregar o cine como ferramenta didáctica para a prevención da violencia de xénero, utilizando para iso ideas innovadoras que axuden a erradicar esta problemática”. Volta tamén nesta edición o concurso A mocidade a debate “co que se pretende coñecer a visión da mocidade sobre temas como xuventude, igualdade, drogas ou sexualidade. Está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO, bacharelato e ciclos dos centros educativos de Ribadeo. Entre os traballos presentados seleccionarase como mínimo un traballo por centro. Os dous mellores recibirán como premio 600 e 400 euros. Os traballos terán que entregarse ata o 26 de marzo no CIM ou na OMIX de Ribadeo”.

E o 8 de marzo terá lugar unha representación teatral de Neuras, a primeira obra que se estrea de Mª Xosé Queizán, unhas das escritoras máis recoñecidas da literatura galega. Ademáis ao longo do 2010 desenvolveranse máis actividades dirixidas ao alumnado utilizando diferentes metodoloxías como a lectura, o cinema…

A campaña Un futuro por compartir en igualdade está organizada pola Concellaría da Muller, o CIM e a OMIX de Ribadeo. Colaboran: os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús, IES Dionisio Gamallo Fierros, Porta de Auga e Ciclo de Formación Profesional Porta da Auga.

Exit mobile version