Site icon Crónica3.com A Mariña

Costas construirá un espigón de protección no Perdouro e ampliará o da Marosa

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, e responsables de Costas estiveron a supervisar as obras que está a executar este departamento no municipio, e as que comezarán nos vindeiros meses.

Llano sinalou que “estivemos mirando as obras que están a piques de comezar a realizarse e outras que están pendentes de execución. Son obras que en xeral serán moi boas para Burela. Todo o que propicie a mellora de infraestructuras e para atraer turismo será bó para todos”. Entre as obras que foron visitadas hoxe figura a conexión de Rueta coa Marosa, “é un paseo marítimo extraordinariamente longo e as obras están a piques de rematar. Despois tamén está o aparcamento na zona do Cantiño, xunto co chan que se mellorará no propio parque que hai alí”, seguiu a relatar o rexedor de Burela.

Alfredo Llano manifestou que “na praza do Portelo vanse realizar traballos de acondicionamento a partires de xaneiro, porque xa está rematado o proxecto que penso que é moi bonito e que lle vai dar moito valor a esa zona. Tamén se está a facer o deseño e a fabricación dunha malla na praia, esa malla colócase todos os invernos para que os ventos do nordés non leven a area ás beirarrúas e a parte do paseo. Costas xa se comprometeu a colocar unha nova malla. O proxecto do Portelo que consistía en colocar novos servizos sanitarios adaptados, un almacén, un miradoiro e unha zona para os vixiantes do areal estará xa listo en decembro”.

O alcalde dixo que “en Ril haberá tamén unha mellora substancial naquela praia, nos aparcamentos e contaremos cun ximnasio ao aire libre para as persoas maiores. Esto xa está pensando para ser executado no ano 2010. E agora estáse a traballar duramente na adaptación da praia do Perdouro, que consistirá en construír un espigón de protección, ademáis de dotala de máis area. Agora non é moi utilizada, pero en canto estea preparada será un dos nosos atractivos turísticos. Este proxecto estará listo en decembro”.

Llano engadiu que “na Marosa vaíse prolongar o espigón, preparar e ampliar para que sexa unha praia máis segura, e estea adaptada ás esixencias de seguridade. Agardamos que para o vindeiro verán se noten xa todas estas melloras e que realmente lle dean unha dimensión ao noso concello de Burela”.

Exit mobile version