Site icon Crónica3.com A Mariña

Docentes da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo aseguran que funciona con total normalidade

RIBADEO .- Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo, “dende que se presentara publicamente o pasado 25 de outubro, funciona con total normalidade, tanto no plano académico coma no eido administrativo” aseguran os profesores e profesoras da escola, traballo que “contou e conta, en todo momento, coa colaboración e o apoio constante da responsábel municipal de cultura”, matizan os docentes

Nota de Prensa

A raíz das informacións aparecidas nos últimos días en diferentes medios de comunicación e relacionadas co funcionamento da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo o seu claustro actual de profesoras e profesores quere facer público o seguinte comunicado:
Dende que se presentara publicamente o pasado 25 de outubro, o curso 2009 – 2010 da EMMeD de Ribadeo funciona con total normalidade tanto no plano académico coma no eido administrativo froito do traballo que realizamos durante as últimas semanas de setembro e comezos de outubro as e os docentes que compoñemos o claustro da EMMeD de Ribadeo. Un traballo que contou e conta, en todo momento, coa colaboración e o apoio constante da responsábel municipal de cultura, Mari – Luz Álvarez Lastra, a quen agradecemos o seu impulso e alento para a posta en marcha deste curso.
Todo elo nun ano que o centro afronta cun considerábel aumento de matrícula con respecto ao curso pasado e con máis especialidades no seu currículum académico. Conseguir un maior número de alumnas e alumnos así como mellorar a oferta docente é froito do traballo realizado ao longo do curso pasado polas profesoras e profesores da EMMeD de Ribadeo.
O noso esforzo e adicación evidenciouse nos diferentes festivais e actuacións celebrados cun grande éxito tanto de público coma tamén de crítica, recibindo a felicitación dos pais e nais e tamén dos alumnos e alumnas do centro. O seu respaldo repítese cada día cando acuden á escola, ben eles mesmos para recibir formación ou ben co seu neno ou a súa nena, o que nos convida a seguir traballando arreo para continuar adiante. con este proxecto educativo – musical que é a EMMeD de Ribadeo.
As continuas críticas sen fundamento e máis as informacións erróneas verquidas nas últimas semanas sobre o traballo que nestes momentos se desenvolve na EMMeD de Ribadeo non significa senón o menoscabo da imaxe e o prestixio do que goza o centro tanto a nivel comarcal coma tamén no conxunto dos centros educativos – musicais de Galicia.

Exit mobile version