Site icon Crónica3.com A Mariña

Gómez Besteiro solicita a implicación dos mozos empresarios da provincia no “pacto polo campo”

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco participaron este mércores nos Almorzos de Negocios organizados pola Asociación de Empresarios de Lugo (AJE). Tanto Gómez Besteiro como Lara Méndez compartiron cos asistentes as políticas económicas que está a levar a cabo o organismo provincial para fomentar o emprego na provincia.

Neste senso, o Presidente provincial solicitou a implicación dos xóvenes empresarios no “pacto polo campo”, que vai da man coa aposta polo sector agrogandeiro co Centro de Recría que a Deputación construirá o vindeiro ano na Granxa Gayoso-Castro. “Estamos falando da nova liña de financiamento dos autónomos, do pacto polo campo e aquí o empresarios novos tamén teñen que participar. Se facemos unha aposta pola medioambiente, polas novas tecnoloxías e polo agro, sen dúbida, para esta institución tamén son importantes estes encontros”. Deste xeito, Gómez Besteiro salientou a importancia de que no almorzo se desen cita preto de 30 persoas representantes de distintos sectores económicos. “Iniciativas coma esta permiten que xurdan novas ideas. Por exemplo, había unha empresa que era produtora de coello. Estamos acostumados a que o campo sexa o gando vacún ou o porcino. En definitiva, estes encontros permiten ampliar experiencias. Isto ten que ser unha sinerxia”.

Na xuntanza, o titular provincial expuxo as liñas de actuación que está a levar a cabo e que crean novos postos de traballo na provincia. É o caso do programa Lug02 co que se demostrou que o medio ambiente pode ser unha oportunidade económica; a aposta polas novas tecnoloxías co Innova-TE; a creación de solo industrial a través de SUPLUSA; as axudas que concede o INLUDES para os autónomos da provincia; o programa de Sucesión na Empresa Familiar, que nestes momentos se está desenvolvendo en Xinebra e xa se celebrou na Mariña e na zona sur; ou o programa europeo Pacto Integral polo Emprego, dotado con 4 millóns de euros.

Plan Estratéxico

O Presidente a Deputación anunciou que a Deputación presentará antes de finais de mes o Plan Estratéxico que está a redactar xunto con Caixa Galicia. Será a folla de ruta que permitirá obter as fortalezas e debilidades de Lugo, e que determinará o camiño a seguir nos vindeiros anos. Gómez Besteiro indicou que “nos vindeiros días sacaremos o primeiro Plan da provincia con carácter global. Hai aproximadamente un ano embarcámonos neste proxecto xunto con Caixa Galicia, e para a súa redacción partimos da última realidade documentada para adoptar medidas que promocionen todos os sectores económicos”.

Exit mobile version