Site icon Crónica3.com A Mariña

Llano destacou a eficacia da Garda Civil e Policía Local na resolución dos delitos que se cometen en Burela

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, suliñou que non hai motivos para a alarma tras a reunión que mantivo este mediodía a Xunta Local de Seguridade.

Llano explicou que “o que se fixo hoxe na Xunta Local de Seguridade, onde estiveron representados, a Garda Civil, a súa Unidade de Tráfico, a Policía Local e o subdelegado do Goberno, foi unha valoración do que está a ocorrer tanto na Mariña como en Burela cos delitos de tráfico, cos roubos… Comprobouse que non hai motivo para a alarma, basicamente seguimos nos mesmos niveis ou incluso baixamos nalgúns con respecto a anos anteriores, vanse resolvendo casE ó 100% todos os delitos que se cometen, polo que a eficacia das forzas de seguridade é moi boa e todos estamos satisfeitos por elo”.

O rexedor de Burela sinalou que “estivemos falando de lograr unha maior coordinación das forzas e corpos de seguridade para poder traballar con maiores eficacia e garantías. Todo o mundo tratará de colaborar ó máximo posible en todo o que se poida”. Alfredo Llano asegurou que “tamén se falou da posibilidade de arbitrar dunha forma mancomunada, polos menos os tres ou catro concellos que precisemos de reforzos durante a noite e onde a Policía Local non estea ó cen por cen, para complementarnos e coordinarnos de cara a poñer un vehículo para levantar atestados, por exemplo. Esto sería unha boa cousa, para ter máis presencia na rúa durante as noites nos concellos que nos comprometamos”.

En Burela “temos a finalidade clara de contar cun concello onde a seguridade sexa unha máxima e para eso dispoñemos do mellor persoal e da mellor vontade posible”, engadiu o alcalde de Burela.

Exit mobile version