Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo considera que os socialistas queren desprestixiar o goberno municipal

RIBADEO .- O alcalde, Fernando Suárez, reiterou no pleno de onte que non se produciron anomalías na xustificación dunha subvención de 27.000 euros concedida pola Xunta ao núcleo de sostibilidade.

O rexedor sinalou que “outra das mocións que o PSOE tentou meter de urxencia e que afortunadamente non prosperou era aquela relativa ao núcleo de sostibilidade coa que están tentando sementar, porque non o consiguen, pero están tentando sementar dúbidas acerca dos pagos e da súa legalidade. Creo que esta xente sinceramente perdeu o norte, Ramón López e Balbino Pérez Vacas están nunha cruzada para desprestixiar a este goberno municipal e dalles igual a quen leven por diante, dalles igual o que lles digan e os argumentos que se lles poñan enriba da mesa. Deben estar tan doidos por teren perdido as eleccións que están perdendo o norte e están tentando cargarse actuacións de interese para os veciños como é o núcleo de sostibilidade”.

Fernando Suárez lembrou que “Ribadeo foi pioneiro con outros poucos Concellos de Galicia. Déronnos 200.000 euros e tiñamos que ter xustificados 27.000 euros a finais de 2008 e onde a Xunta, xa para rematar todo o proceso que tivemos que vivir, nos concede unha subvención un día e dous días despois nos manda tela xustificada. E a partir de aí se monta, segundo os concelleiros do PSOE, a marimorena. Aquí non se montou nada, fixemos todo correctamente. Os informes de Intervención, que é quen ten que informar todas as facturas que nosoutros pagamos, non din absolutamente nada e dan por ben feita esta operación”.

O alcalde engadiu que para saír de dúbidas “polo que se estivo verquendo por parte destes dous señores nos últimos tempos nos medios de comunicación, leímoslles literalmente unha contestación que lle pedimos á actual Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Sostibilidade que depende da Consellería de Medio Ambiente, e que por boca do seu xefe de servizo temos un escrito no que dice que aprobou este gasto por importe de 27.000 euros sendo fiscalizado pola súa Intervención o 30 de decembro de 2008. Eu creo que máis claro non se pode ser, e me parece torticeira e de mala fé a intención do concelleiro Ramón López e do Sr. Pérez Vacas, eu nunca crin que puideran chegar aos límites aos que chegaron onte nos debates. Déronse situacións irresponsables e de moita falla de cortesía pola súa parte e cunha falla de respecto ao resto da Corporación enorme”.

Exit mobile version