Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo ve unha insensatez cambiar o uso do colexio da rúa Trinidad e da reitoral de Ove

RIBAEO (FNC) .- Cos votos de BNG e PP foi rexeitada no pleno de onte a moción presentada por UPRI sobre o cambio de ubicación do albergue de peregrinos e da residencia de maiores e centro de alzheimer.

Fernando Suárez explicou que “ata o de agora o alcalde non dixo absolutamente nada desta proposta, pero onte no pleno sí que o fixemos e dixemos moito, porque moito hai que dicir sobre a manipulación e o interese político absoluto que demostra o portavoz de UPRI con falsedades e con mentiras argumentando que o Concello ten asinado varios convenios coa Xunta e co Bispado tanto no caso do colexio das monxas na rúa Trinidade como no do centro de día para enfermos de alzheimer”. O rexedor relatou que “o Concello non ten asinado nada, o Concello e o seu alcalde tivo a honra de poder traballar con Anxo Quintana e con Fernando Blanco para conseguir que o Bispado cedera estes dous inmobles para facer na rúa Trinidade un albergue de peregrinos e na rectoral de Ove, co que a normativa urbanística permite, rehabilitar esa rectoral para facer un centro de día para enfermos de alzheimer e despois cando o plan xeral se aprobe facer unha residencia para a terceira idade”.

Faltarlle á verdade

O alcalde manifestou que “o Concello fixo xestións políticas, pero os convenios foron asinados entre a Xunta e o Bispado. E desde logo argumentar que é millor o edificio do colexio das monxas para albergar o centro de día para enfermos de alzheimer porque non van poder facer xestións na vila, eso é faltarlle á verdade e ser un auténtico mentiroso. Unha persoa que está enferma de alzheimer, por desgracia para ela, non pode facer xestións no banco porque non se vale por sí mesma. Eu si tivese unha persoa maior ao meu cargo nestas condicións preferiría que estivera nun edificio adaptado ás esixencias modernas, nun edificio con luz, cun área de esparcemento como é a cortiña que ten por detrás a rectoral de Ove, un edificio que dista a escasos 800 metros do campo de futbol de Ribadeo é dicir en plena zona urbana da vila”. Fernando Suárez dixo que “a min non me gustaría que unha persoa querida por min estivese nun edificio que non é máis que unha cárcel como é o colexio das monxas, un edificio que pola súa estructura non está adaptado dado que cando un o ve por fora non é máis que un edificio de baixo e unha pranta e cando se adentra é un edificio de baixo máis tres prantas. Está moi ben para un albergue de peregrinos ou para un uso dese tipo, pero nunca para unha residencia para enfermos de alzheimer. Si saen da porta van para a rúa, e si saen ao patio é un patio interior coma o dunha cárcel. É algo que non entendo máis que pola manipulación interesada dalgunhas persoas alleas a UPRI e por parte desta formación tamén… moita xente firmou e veu dicirme que o fixo para que houbese unha residencia en Ribadeo. Claro que sí, o alcalde e calquera que teña dous dedos de frente queren que teñamos esa residencia en Ribadeo”.

O rexedor ribadense considera que “sería unha insensatez e unha falla de respecto tirar por terra todo este traballo e explícome. No que ten que ver co centro de día para enfermos de alzheimer, desde que se asinou o convenio este alcalde estivo semana tras semana conseguindo que se fixera o proxecto que se fixo, que pasara os informes dificilísimos de Patrimonio que se pasaron, que se pasaran os informes complicadísimos de Urbanismo que se pasaron tamén e o único que ten que facer agora a nova Xunta, e non dubido da súa palabra, é licitar as obras para rehabilitar e ampliar a rectoral de Ove e para que se poida facer alí un centro de día para enfermos de alzheimer. E no que ten que ver co albergue de peregrinos na rúa Trinidade o proxecto de execución está en fase de redacción”.

Fernando Suárez suliñou que “pretender meterlle mocións á Xunta para que intente cambiar usos, a parte de darlle un argumento magnífico para paralizar todo esto, é desde logo ter os pés na cabeza e a cabeza nos pés pensando que os inmobles poden ter mellor uso cambiándollelo o previsto. Isto é algo que está feito entre o Bispado e a Xunta e que ten os informes técnicos dos profesionais da materia que din que cada un é bó para o que é”.

Exit mobile version