Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz dará charlas sobre as alegacións ao Plan Xeral e aos orzamentos

NOTA DE PRENSA
O BNG DARÁ CHARLAS SOBRE O NOVO PRAZO DE ALEGACIÓNS DO PLAN XERAL E OS ORZAMENTOS MUNICIPAIS EN TODAS AS PARROQUIAS DO CONCELLO DE FOZ

“O que non fai o goberno municipal teno que facer o BNG, informando aos veciños dos asuntos de interese”

Foz, 14 de novembro de 2009.- O BNG de Foz inicia esta semana unha serie de charlas para informar do novo prazo de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal e máis dos Orzamentos Municipais do 2010.

As charlas comezan este luns, día 16, en Vilaronte, no local da A.C. O Castro, e en San Martiño no local social. O martes, día 17, a charla será dirixida aos veciños de Santa Cilla e San Acisclo, na antiga escola desta parroquia. E finalmente o mércores, día 18 en Fazouro, na antiga escola, e Nois, no Centro Cívico “A Saira”. Para a próxima semana completaranse no resto das parroquias: Cordido, Cangas e Foz.

Con estas charlas, o BNG quere continuar co seu labor de darlle toda a información aos veciños sobre os asuntos municipais, labor que debería facer o goberno municipal pero que non fai. Neste caso, en dous asuntos de vital importancia para o Concello como son o Plan Xeral e os Orzamentos Municipais. O Plan Xeral está nunha nova exposición pública xunto co Informe de Sostibilidade Ambiental; o prazo de exposición é de dous meses e remata a finais de decembro. O BNG quere facerlle chegar aos veciños en que consiste este novo informe e aclarar todas as dúbidas sobre o estado do procedemento do planeamento municipal. Respecto aos Orzamentos, o BNG pretende facerlles chegar aos veciños a súa proposta á vez que recoller posibles obras de inversión para cada unha das parroquias a incluír nos próximos Orzamentos para o 2010.

Con esto, o BNG mostra que conta en todo momento coa opinión dos veciños e que a vida municipal é algo compartido e non un asunto que pode despachar unha soa persoa desde a súa poltrona.

Exit mobile version