Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG insta á Xunta e ao Estado a dar prazos para o corredor Barreiros-Ferrol

Nota de Prensa

O PLENO DA DEPUTACIÓN DE LUGO APROBOU POR UNANIMIDADE A PROPOSTA DO GOBERNO PROVINCIAL, DEFENDIDA POLO BNG, PARA INSTAR Á XUNTA E AO ESTADO A COMPROMETÉRENSE EN DAR PRAZOS PARA O CORREDOR BARREIROS-FERROL

Antonio Veiga lembroulle ao partido da oposición que “eran os alcaldes do PP os que manifestaban fai catro anos para pedirlle á Xunta o remate deste corredor”

Lugo, 24 de novembro de 2009. O voceiro do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo defendeu unha proposta do grupo de goberno para que a Deputación se dirixa á Xunta de Galiza e mailo Goberno do Estado para que ambas administracións se comprometan a dar prazos fiábeis, acompañados das súas consignacións orzamentarias, para garantir a realización da VAC (Vía de alta capacidade) entre Barreiros e Ferrol o máis axiña posíbel. Esta proposta defendida polos nacionalistas foi aprobada por unanimidade polo pleno do organismo provincial cos votos a favor de populares, socialistas e nacionalistas, abstívose o deputado Manuel Varela que, nese momento do pleno, non podía exercer o seu dereito ao voto por non terse aprobado a súa condición de deputado non adscrito a ningún dos grupos.

O voceiro do BNG manifestou na súa intervención que neste caso as dúas administracións, galega e estatal, tiñan “unha boa oportunidade para apoiar o avance de Lugo e dunha das súas comarcas máis dinámicas”. Durante o debate da proposta o voceiro nacionalista, Antonio Veiga, lembroulles aos deputados da oposición que “eran os alcaldes do PP os que manifestaban fai catro anos para pedirlle á Xunta o remate deste corredor” e que agora tiñan a posibilidade de volver a facerlo, Veiga convidou aos alcaldes da Mariña, algún deles Deputado provincial, a participar que este sábado se celebrará para pedir unha solución ás obras do corredor Barreiros – Ferrol.

A Deputación de Lugo instará á Xunta de Galiza e ao Goberno de España a que se rematen nuns prazos razoábeis unhas infraestruturas viarias que son de vital importancia para o desenvolvemento socioeconómico da Mariña luguesa e tamén da Coruña. Veiga, que valorou o acordo moi positivamente sinalou que “agora tócalles a populares e socialistas facer valer este acordo en Santiago e Madrid respectivamente”.

O acordo tomado pola corporación provincial servirá, ademais de para dirixirse ás Administracións do país e á do Estado, para “facer que a cidadanía sexa consciente deste problema” e, neste sentido, pediu que a Mesa polas Infraestruturas da Mariña –plataforma que se constituíu hai anos para impulsar iniciativas relativas ao desenvolvemento das comunicacións e infraestruturas na comarca- se volvese a reunir.

Exit mobile version