Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG lamenta a falla de inversión da Xunta para Barreiros nos orzamentos de 2010

Barreiros, 4 de novembro de 2009. O grupo municipal do BNG critica a falla de inversión da Xunta para Barreiros nos orzamentos de 2010. Os nacionalistas acusan ao alcalde de enfrontarse constantemente ás consellerías do bipartito.
No BNG de Barreiros están sorprendidos “por certas declaracións do alcalde Barreiros cando di que durante os catro anos do bipartito, nin PSOE nin BNG se preocuparon por solucionar os problemas que había no concello. E máis nos sorprende que diga que tivo que volver o PP á Xunta para que Barreiros volte a ter subvencións, algunha terá non dicimos que non, pero o que non ten son inversións”.
O grupo municipal do BNG alude “a unha fonte do PP que publicou un listado aquí na Mariña por parte do señor Balseiro e da señora Chao e vemos as inversións para Barreiros. Dos 16 Concellos da comarca Barreiros aparece na zona de descenso, usando términos futbolísticos, Barreiros estaría nos últimos postos. Aparecen 2.000 euros para a mellora de recursos turísticos. Un concello para o que o alcalde acaba de solicitar ou acaba de anunciar que lle van conceder o título de concello de grande afluencia turística, non sei si eses 2.000 euros son para os bocadillos ou para que é esa partida. Dicir que co PP na Xunta aumentan as inversións en Barreiros desde logo que non o pode dicir nin Alfonso Fuente nin niguén do PP, porque non temos máis que ver ese listado publicado por eles”.
No Bloque Nacionalista Galego pregúntanse “onde están os cartos para facer ese centro de día que prometeu o propio Núñez Feijoo en campaña electoral. Nós presentamos unha moción solicitando dito centro e foi rexeitada polo PP dicindo que non facía falta que o BNG demandase ese proxecto porque xa se ía facer, cando desde logo non o sabemos e no vindeiro exercizo non se vai facer. Estaremos moi atentos para ver o que ocurre nos seguintes exercizos”.
Os nacionalistas engaden que “o resto do que ven consignado para Barreiros nestes orzamentos é escaso, hai unha pequena partida para o polígono industrial. O polígono e a depuradora puideron estar rematados moito antes, porque a iniciou o anterior goberno e o que se limitou a facer o Concello de Barreiros foi a poñer atrancos por non dar conseguido os terreos para poñelos a disposición de Xestur e de Augas de Galicia. Entendemos que estivo retardando eses traballos non sabemos si con mala ou con boa intención, pero visto o visto e vendo as cousas que di o alcalde, todo pode ser posible que ocurrira nesa teima que tivo durante catro anos o señor Fuente Parga de enfrontarse constantemente ás diferentes consellerías”.

Exit mobile version