Site icon Crónica3.com A Mariña

O colectivo Mulleres en Igualdad reclama medidas para loitar conta a violencia de xénero

CERVO .- A asociación Mulleres en Igualdad de Cervo reclama medidas para a loita conta a violencia de xénero e, asegura, “quere reiterar o seu firme compromiso na loita contra unha das peores lacras que sofre a nosa sociedade e que desgraciadamente costa a vida anualmente a decenas de mulleres”

Nota de Prensa

O número de mulleres asasinadas por violencia de xénero  no que levamos de ano é de 56

MULLERES EN IGUALDADE RECLAMA A CREACIÓN DUN XULGADO EXCLUSIVO PARA A VIOLENCIA DE XÉNERO EN LUGO E LAMENTA QUE O PSOE NON ESTEA POLA LABOR DE FORZAR AO GOBERNO CENTRAL A FACELO

•    O colectivo denuncia que faltan medios e recursos para loitar contra esta lacra e o funcionamento dos medios de prevención e auxilio é manifestamente mellorable, recaendo en moitos casos no peso das Comunidades Autónomas e dos Concellos

•    Si valoran positivamente o anuncio efectuado polo Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia quen adiantou que destinará boa parte dos novos efectivos policiais que o Goberno central debe asignar á Policía Autonómica a loitar contra a violencia de xénero e a temas relacionados coa protección do menor

A Mariña lucense, 24 de novembro de 2009.- Ante a celebración do 25 de novembro do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, a asociación Mulleres en Igualdade de Cervo quere reiterar o seu firme compromiso na loita contra unha das peores lacras que sofre a nosa sociedade e que desgraciadamente costa a vida anualmente a decenas de mulleres.

Os poderes Públicos, as institucións, as asociacións e os cidadáns, debemos involucrarnos, de xeito conxunto na loita contra o maltrato que sofren moitas mulleres, non podemos consentir que a violencia de xénero cada vez vaia a máis: O número de mulleres asesinadas no que levamos de ano é de 56.

FALTAN MEDIOS E RECURSOS

A pesar de que se teñen tomado medidas para combater esta lacra tanto a nivel Estatal como Autonómico, como a aprobación de novas leis e regulamentos, o resultado é desolador; faltan medios e recursos e o funcionamento e manifestamente mellorable, recaendo en moitos casos o peso nas Comunidades Autónomas e nos Concellos

ANOS DESPOIS DE APROBAR A NOVA LEI AS MULLERES NON SE SENTEN MELLOR ATENDIDAS

Informes como o do propio Defensor del Pueblo, o do Amnistía Internacional reflicten a frustración das expectativas xeradas pola Lei, as súas debilidades e cómo, tras anos dende a súa entrada en vigor, as mulleres non están máis protexidas nin se senten mellor atendidas polas administracións Públicas.

Actualmente hai déficits de policías, de xulgados exclusivos de violencia de xénero e os xulgados compartidos se encontran desbordados polo número de casos de violencia de xénero. Así mesmo, os informes para determinar o nivel de risco o que está sometida a vítima de violencia de xénero están resultando pouco efectivos para determinar o grao de risco e as medidas a adoptar.

LUGO E GALICIA ESQUECIDOS POLO GOBERNO CENTRAL

Galicia rematará un novo exercicio coa lamentable marca de ser a comunidade peor parada por vontade do Goberno de Zapatero, tanto na asignación de órganos xudiciais, como de medios humanos e materiais para aplicar a lei integral contra a violencia de xénero.

Tan só as provincias da Coruña e de Vigo dispoñen de Xulgados exclusivos para a loita contra a violencia de xénero. Lugo volve a quedarse fora das previsións do Goberno central que ademais dos 36 novos órganos xudiciais reclamados pola Xunta tan só concedeu 9, ningún deles destinado a loita contra a violencia machista.

Desde o colectivo cervense lamentan que ás concelleiras e cargos públicos do PSOE lucense non estean pola labor de esixir a creación destes xulgados e de forzar ao Goberno de Zapatero a cumprir con Lugo. “Están máis preocupados en facer actos públicos, importantes e necesarios pero que non deixan de ser propaganda, en reclamar alí onde deben facelo unha mellor atención e loita contra a violencia sexista”

POLICÍA AUTONÓMICA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E POLA PROTECCIÓN DO MENOR

Ademais diso Mulleres en Igualdade denuncia que seguen sen incrementarse os medios humanos asignados ás unidades dos corpos e forzas de seguridade do Estado que actúan no ámbito da violencia de xénero en Galicia.  Pero si valoran positivamente o anuncio efectuado polo Conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda quen adiantou que destinará boa parte dos novos efectivos policiais que o Goberno central debe asignar á Policía Autonómica a loitar contra a violencia de xénero e a temas relacionados coa protección do menor

MEDIDAS TAMÉN NO ÁMBITO LOCAL

Mulleres en Igualdade de Cervo apunta como medidas necesarias a posta  en marcha de xeito periódico e coordinado cas Corporacións Locais e Centros de Información a Muller, campañas de información e sensibilización que teñan como obxectivo mudar os estereotipos sexistas e que incidan no rexeitamento social sobre todas as formas de violencia de xénero. Ditas Campañas deberán centrarse especialmente nos centros escolares, educativos, sociais, sanitarios, laborais, culturais e deportivos.

Emprazan tamén ao Goberno central a espallar por todo o territorio nacional as Oficinas de Atención a vítimas e facer  efectiva a asistencia letrada inmediata. Peticións nas que lamenta non contar co apoio do PSOE, máis preocupado en facer actos de propaganda que en reclamar medios e actuacións que deberan impulsarse desde o Ministerio de Igualdade

Exit mobile version