Site icon Crónica3.com A Mariña

Acusa o BNG a Balseiro de vender a comarca no Parlamento

NOTA DE PRENSA
Veiga pide á Deputación apoio institucional para rematar a VAC Barreiros-Ferrol en 2013

O BNG acusa a Balseiro de vender á comarca no Parlamento.

A Mariña, 11 de novembro de 2009. O BNG dentro da campaña institucional para dar un impulso ás infraestructuras na comarca da Mariña, complementa as iniciativas presentadas nos concellos con outra no mesmo sentido na Deputación de Lugo na que se insta tanto á Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado a aprobar un cronograma de actuacións coa dotación orzamentaria necesaria, a fin de que ambas administracións rematen a VAC Barreiros-Ferrol no horizonte do 2013. A reducción nun 75% do orzamento previsto para este ano pola Xunta de Galiza e a parálise no avance da tramitación por parte do Goberno do Estado que non consigna ningunha partida significativa para o tramo de competencia estatal, continúa a ensanchar a fenda diferencial entre o norte e os territorio do resto do Estado.

O PP non cumpre os seus compromisos coa comarca e agora non se lles escoita

A redución do investimento previsto nos orzamentos 2009 para tramo lucense do corredor San Cibrao-O Barqueiro, cunha rebaixa que pasa dos 17,6 millóns previstos no orzamento plurianual elaborado polo anterior goberno aos 4,5 do actual, “pon negro sobre branco a verdadeira faciana do PP que fai un ano manifestábase no Vicedo e agora non di nada cando hai unha rebaixa do 75% no investimento previsto”, afirmou o portavoz comarcal nacionalista Antonio Veiga. Veiga lembrou que o propio Conselleiro de Obras Públicas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, ditou sentencia de morte ás previsións para o remate desta obra no 2013 ao afirmar que as previsións do seu departamento están situadas no 2017, “á vista das previsións orzamentarias do actual goberno da Xunta, Feijoo será o que poña a primeira pedra, mais non é a súa intención inaugurala cando aplica un recorte de tal envergadura ao orzamento inicial”.

A maior afondamento, o portavoz nacionalista quixo facer fincapé nas abondosas renuncias e incumprimentos do PP con esta infraestrutura de vertebración do norte galego, empezando co desvío da autovía trans-cantábrica cara a Vilalba de Fraga e Cascos, pasando polo compromiso de Cuíña e o propio Cascos de tela rematada no 2007 e agora, o que pasaba por ser un compromiso estratéxico de Feijoo para situar aos mariñaos a menos de 10 minutos dunha vía de alta capacidade, convértese en 10 anos de abandono e insulto continuado a unha das zonas con maior capacidade de desenvolvemento do país, “nin a cidadanía, nin as empresas da Mariña contan para Feijoo e os seus representantes mariñáns”, rematou Veiga.

Do mesmo xeito, o tramo de competencia estatal, que debía estar rematado no horizonte de 2008, tal como acordou por unanimidade, en repetidas ocasión a Comisión de Infraestruturas do Congreso do Deputados, atópase a día de hoxe en fase de estudo informativo, sen que nos orzamentos de 2010 se procedese a asignar ningunha partida significativa, ficando sen executar os 600.000 euros recollidos no orzamento de 2009. O portavoz nacionalista, Antonio Veiga, chamou a atención sobre a necesidade dun acordo entre a administración central e autonómica para que as mesmas se comprometan ao seu remate no horizonte de 2013.

Balseiro está mais preocupado por manter o seu salario e o coche oficial que en defender os intereses da Mariña

Veiga, destacou que a ausencia de consignación orzamentaria tanto por parte do goberno do Estado como pola Xunta de Galiza evidencian que o norte galego non conta á hora de definir a planificación viaria do Estado, o que provoca un aumento do atraso comparativo co resto dos territorios da península e mesmo co conxunto galego, situándonos de xeito deliberado fora da Galiza do eixo atlántico. “ non deixa de sorprendernos o silencio de Balseiro, que o ano pasado cando os orzamentos recollían un prazo de remate para horizonte de 2013, manifestábase no Vicedo e a día de hoxe, nin está nin se lle espera. Se alguén tiña dúbidas sobre o seu papel no parlamento, agora xa está claro, o seu é o papel do ben mandado. Balseiro non vai ao Horreo a defender os intereses da comarca, Balseiro transita pola cámara galega para defender o seu salario”

“Se a Balseiro lle queda un mínimo de dignidade, tería que votar a emenda na que os nacionalistas propoñemos unha consignación orzamentaria para o corredor de 15,6 millóns de euros, curiosamente o que el mesmo pedía no exercizo pasado”, afirmou Veiga, quen reiterou que en oito meses este Sr. xa nos demostrou que non é un deputado da Mariña, senón un deputado que viaxa da Mariña a Santiago para defender os intereses do Partido Popular. Na mesma liña, o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, emprazou aos deputados do PP pola comarca a apoiar esta proposta, posto que supón que non esqueceron a manifestación á que convocaron aos seus veciños fai escasamente un ano. “Non queremos pensar que a posición institucional dalgúns concellos mariñaos do PP, non tiñan a finalidade de demandar a axilización desta infraestrutura, posto que do contrario a conclusión é que se utilizaron os plenos en beneficio do PP. Non deixa de ser curioso o sentido institucional que teñen os populares na Mariña e en Galiza”.

Exit mobile version