Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP mostra a súa satisfacción pola rebaixa das tarifas portuarias

NOTA DE PRENSA
unha xuntanza mantida hai uns meses, o portavoz do Grupo Popular obtivo o compromiso do presidente do ente público de minorar as cargas fiscais, compromiso que agora se concreta en reducións de ata o 90 por cento, e que xa avanzara na súa primeira comparecencia parlamentaria

RUIZ RIVAS SALIENTA QUE AS REBAIXAS NAS TARIFAS PORTUARIAS CONFIRMADAS POR PORTOS DE GALICIA REFLICTEN A PREOCUPACIÓN DO GOBERNO DO PP POLAS XENTES DO MAR

* A redución da taxa por amarre de embarcacións para os xubilados do mar poden chegar, mediante convenio, ao 25 por cento.

Santiago, 14 de novembro de 2009.- O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Manuel Ruíz Rivas, salienta que as rebaixas nas tarifas por servicios portuarios confirmadas por Portos de Galicia reflicten a preocupación do Goberno do PP polas xentes do mar. Ruiz Rivas lembra que hai uns meses mantivo unha xuntanza co presidente do ente público, José Manuel Álvarez-Campana, na que este se comprometeu a minorar as cargas fiscais, compromiso que agora se concreta en reducións de ata o 90 por cento, e que xa avanzara na súa primeira comparecencia parlamentaria.

Así, cunha rebaixa do 10 por cento para o conxunto das tarifas, a taxa X-4, por comercialización de peixe fresco, reducirase nun 0,25%, pasando do 2 actual sobre o valor da venda ao 1,75%, o que supón, en palabras do deputado popular “un gran beneficio para o sector da venda da pesca, xa que é unha redución moi considerable”.

Doutra banda, a redución da taxa por amarre de embarcacións para os xubilados do mar poden chegar, mediante convenio, ao 25 por cento. Esta tarifa terá unha bonificación xeral do 10 por cento, pero os beneficiarios poden acollerse mediante convenio a unha rebaixa adicional de entre o 10 e o 15 por cento. Na súa entrevista co presidente de Portos, Ruiz Rivas fixera especial fincapé na atención a este colectivo, tendo en conta que os xubilados do mar “perciben unhas pensións bastante reducidas”, polo que “consideramos de xustiza calquera acción que poida favorecer a súa situación”.

As rebaixas na tarifa por entrada de barcos pesqueiros baixará un 15 por cento e, no caso das embarcacións de pesca tradicionais, haberá unha redución adicional do 50 por cento. Esta rebaixa pode chegar ao 90 por cento, mediante convenio, no caso dos mexilloeiros, que se beneficiarán tamén dunha redución xeral do 15 por cento na tarifa X-2, que grava o atraque do barco, que pode ampliarse ata o 50 por cento tamén mediante convenio.

REDUCIÓN DE IMPOSTOS COMO ALTERNATIVA

Ruíz Rivas valora moi positivamente que, no actual contexto de crise económica, o Goberno de Núñez Feijóo opte pola redución de taxas e impostos “como alternativa de loita contra esa crise, ao contrario do que fai Zapatero, que carga nos petos dos cidadáns os seus erros e a súa nefasta política económica”. O portavoz parlamentario do PP subliña que medidas como as aprobadas por Portos “contribuirán a aumentar a produción, a dinamizar a economía dos sectores relacionados co mar, dar maior liquidez ás empresas deses sectores e crear emprego”.

Exit mobile version