Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide “explicacións políticas” oa presidente da Deputación pola investigación que está a levar a cabo o xulgado

Nota de Prensa

Barcia: “a xuiza encargarase de depurar as responsabilidades penais pero as explicacións políticas correspóndenlle a Besteiro”

* GPPP reitera o seu respeto ás actuacións iniciadas polo xulgado numero 3 de Lugo, así coma a defensa da presunción de inocencia dos implicados, pero insiste en que a gravidade dos feitos requiren unha urxente explicación política

* Os populares lamentan que os socialistas empreguen varas de medir distintas en función dos seus intereses partidistas á hora de pedir a depuración de responsabilidades e esquezan que neste caso dous membros do goberno provincial pasaron polo xulgado en calidade de detidos

Lugo, a 5 de novembro de 2009.- A implicación de dous destacados membros do equipo de goberno da Deputación nunha investigación xudicial é un asunto de “máxima relevancia xudicial pero tamén política” e, precisamente por esa “repercusión política” é “obrigado e urxente” que o máximo responsable da administración provincial José Ramón Gómez Besteiro dé explicacións “á cidadanía e á oposición” sobre o que está a pasar. Debe aclarar asimesmo se, dada a gravidade dos feitos, ten previsto adoptar algunha medida cautelar no que atinxe ás responsabilidades que tanto Lara Méndez coma Juan José Díaz Valiño ostentan na administración provincial.

O Grupo provincial do Partido Popular ratificase así na postura que mantivo dende que transcendeu á opinión pública a investigación que está  a levar a cabo o xulgado de instrucción número 3 de Lugo.

O GPPP, segundo suliña o seu voceiro adxunto José María González Barcia, foi “en todo momento absolutamente respetuoso coa actuación xudicial que se está a levar a cabo” e “antepuxo, por riba de todo, a presunción de inocencia de todos os implicados no caso, incluidos a vicepresidenta segunda de Deputación Lara Méndez e o deputado responsable da Rede Viaria Provincial Juan José Díaz Valiño”.

PETICIÓN LEXÍTIMA.-

“Onte, o voceiro dos socialistas na Deputación, o Sr. Antonio Gato, fixo, como acostuma a facer sempre, unha interpretación libre da situación e unha valoración sesgada e malintencionada da petición de explicacións formulada polo Partido Popular, que non só é lexítima senón necesaria”, recalca González Barcia.

“Hai que ter moi presente que tanto Méndez como Valiño son cargos políticos e que estiveron detidos por orde xudicial a raiz dunha investigacións aberta que ata o momento levou aparellada tamén o requisamento de abundante documentación, boa parte de ela procedente das instalacións do Inludes, que depende directamente da Deputación”, engade.

Na opinión de Barcia, Antonio Gato está obsesionado polo pasado, “conscente quizais de que calquer tempo pasado foi mellor”, e considera “desafortunado” que precisamente sexa el o que saque a colación a comparación deste caso coa denominada “operación muralla”.

Neste senso o voceiro adxunto dos populares na Deputación, despois de suliñar que “a investigación iniciada en maio de 2006 quedou en nada”, puntualiza que hai “diferencias sustanciais” entre ambos procesos, empezando porque “daquela ningún cargo político do Partido Popular foi detido”.

Barcia recoméndalle a Gato que “revise a hemeroteca” porque, segundo indica, naqueles días o entón voceiro socialista na Deputación Manuel Martínez “non se caracterizou precisamente pola defensa da presunción de inocencia, máis ben por todo o contrario”. Tanto Martínez coma o tamén daquela voceiro nacionalista, o hoxe vicepresidente primeiro Antón Bao, segundo lembra, instaron ó Presidente Francisco Cacharro a dar explicacións sobre o acontecido e a convocar incluso un pleno extraordinario.

“O Sr. Gato debería aclarar as razóns polas que, en función da súa conveniencia, emprega varas de medir distintas”, di Barcia, ó tempo que se pregunta “que si tan tranquilos están e si tan transparente é a súa xestión, cal é a razón pola que Besteiro evita dar explicacións e o utiliza a el coma escudo protector na vez de asumir as súas responsabilidades”.

Exit mobile version