Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pídelle ao alcalde de Burela “que explique un feito que cando menos non é ético” da Escola de Música

NOTA DE PRENSA

Lucía Bouza propuxo a tres membros do tribunal de selección da Escola de Música dous días despois de terse publicada a relación provisional de admitidos.

Os populares aseguran que na relación de admitidos figura un familiar directo de Bouza.

Pídenlle ó alcalde que explique un feito que cando menos non é ético.

Lucía Bouza, concelleira de Educación e responsable da Escola Municipal de Música de Burela, propuxo a tres membros do tribunal que xulgou as probas de selección do profesorado da Escola de Música de Burela o día oito de Outubro, ás dez e vintenove minutos da mañán, a través dun correo electrónico, dous días despois de que fose asinada a relación provisional de admitidos a optar ás prazas indicadas. Esta relación foi asinada polo alcalde o día seis de Outubro.

Nesa relación provisional de admitidos figura un familiar directo de Lucía Bouza, que despois foi admitido definitivamente e que obtivo a praza de Director da Banda, estando no tribunal cualificador as tres persoas propostas por Lucía Bouza.

No correo electrónico aparecen os nomes dos tres membros do tribunal propostos por Lucía Bouza e o medio para contactar con eles así como o traballo que desempeñan nestes intres, pero non se acredita a súa condición de empregados públicos fixos, sexan funcionarios ou persoal temporal, imprescindible para poder formar parte dun tribunal de selección de persoal contratado por un concello, como é o caso da Escola Municipal de Música de Burela.

O GMPP non pón en dúbida en ningún momento a valía profesional destas tres personas, e tampouco dubidamos da valía das persoas seleccionadas, persoas que nos merecen todos os respectos. Quen tentou “cargarse” a algún profesor da escola de música foi precisamente Lucía Bouza con malas artes, empregando a algunha persoa con relación coa Escola, e tentando montar barullo e enfrontar a pais e nais con profesores. E con ese obxectivo entre outros, montou un problema que ela mesma terá que resolver.

Para os populares esto dá a entender ben ás claras que Lucía Bouza participou de forma activa e cunha finalidade concreta e clara, cal era beneficiar a unha persoa familiar directa súa e a persoas afíns, no proceso de selección do profesorado da Escola de Música. A lei, neste senso, é clara e contundente; tanto é así, que estamos en condicións de afirmar que o que fixo Lucía Bouza foi totalmente irregular. Pero fóra de discusións de carácter xurídico, o que sí é certo é que non é ético nin presentable.

Por eso, os populares demandan, unha vez máis, unha explicación clara e precisa do alcalde, porque o alcalde foi quen asinou o decreto de nomeamento do tribunal de selección, e foi quen á postre asinou o decreto de nomeamento das persoas seleccionadas como profesorado da Escola.

O GMPP advírtelle tanto ó alcalde coma a Lucía Bouza que non veñan decindo agora que o PP tenta politizar a Escola de Música. Para nada, porque nos doe que pase esto dentro da Escola cando foi o PP quen a puxo en marcha e Lucía Bouza precisamente foi alumna súa. Tampouco queremos que se nos diga que criticamos por criticar: só lembramos que o PP pón riba da mesa uns feitos que son os que son, e que deben ser coñecidos pola opinión pública, noemeadamente os pais, nais e alumnos da Escola, e que son o reflexo da doble moral que aplica o PSOE, e tamén o BNG, en todas as cuestións que teñen que ver coa vida municipal. Simplemente nos facemos unha pregunta en voz alta: ¿que dirían PSOE e BNG se esto o fixese o PP?

O que si é certo é que esto demostra hasta son capaces de chegar estas persoas que se din defensoras da transparencia, da legalidade e da ética, e reflexa ben ás claras que a política de persoal dos socialistas está baseada no amiguismo e no chalaneo.

Exit mobile version