Site icon Crónica3.com A Mariña

O presidente da Deputación solicita apoio ao sector da agricultura e gandería no Parlamento

LUGO .- O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu este luns no Parlamento de Galicia para explicar as liñas xerais do Orzamento de 2010, que suman 140 millóns de euros. Gómez Besteiro foi o primeiro dos Presidentes en comparecer na Comisión de Economía e Facenda, xa que nos vindeiros días participará como convidado polo Banco da Cidade de Bos Aires e a Asociación de Xóvenes Empresarios nun foro económico de primeiro nivel en Sudamérica, que non suporá ningún gasto para a Deputación. Gómez Besteiro fixo coincidir a súa participación no encontro de economía coa clausura dos cursos de consolidación de empresa que puxo en marcha o organismo provincial en Sudamérica. O titular provincial non quixo faltar a esta cita, polo que solicitou hai unhas semanas o adianto da súa comparecencia. Neste senso, agradeceu a disposición da Cámara Galega neste eido.

Na súa intervención, o Presidente da Deputación luguesa reivindicou o apoio ó sector agrogandeiro e pediu colaboración para o Centro de Recría que o organismo provincial construirá o vindeiro ano na Granxa Gayoso-Castro, e que será o primeiro centro público de España. Gómez Besteiro, que lle entregou unha copia do proxecto, que conta cun orzamento de 10 millóns de euros, ó Presidente da Xunta de Galicia na reunión mantida no mes de outubro, destacou que “o pacto co campo vai da man coa gran aposta polo sector agrogandeiro, xa non lugués, senón galego. Neste momento de crise os grandes proxectos do campo teñen que vir da Administración, que son os que xeneran confianza. É necesario pechar ciclos, o valor engadido xenérase nas cadeas de produción. Reivindico ó apoio ó sector cooperativista para que, con políticas realmente estratéxicas, todos contribuiamos á maioría de idade do sector”.

Outras liñas orzamentarias

A Deputación de Lugo aprobou en xullo do ano 2008, un Plan Económico Financeiro para os anos 2009, 2010 e 2011, converténdose na primera de Galicia en ter aprobado dito documento e acadando a estabilidade orzamentaria no 2011 -onde o endebedamento supón un 77,12%, en relación ós dereitos liquidados por recursos correntes-. O máximo mandatario provincial subliñou que “dentro deste marco estamos traballando para o Orzamento 2010 que sumará 140 millóns de euros, se ben faremos axustes en relación ás previsións do dito plan como consecuencia da merma nos ingresos de participación dos tributos do Estado, preto dun 22%. As grandes liñas do Orzamento artéllanse, ademais de na aposta polo sector agrogandeiro, noutros dous piares fundamentais:

a) Culminación e liquidación das débedas históricas da provincia de Lugo:

– Peche do proceso de transferencias hospitalarias. O custe dos servicios que presta a Deputación nos dous hospitais supera os 11 millóns de euros e cada ano que a Xunta de Galicia demora a transferencia hospitalaria, cústalle ós galegos máis de 600.000 euros en concepto de xuros, é decir, 100 millóns das antigas pesetas. “É importante materializar esa transferencia a Xunta de Galicia dos hospitais provinciais de San Rafael e San José -e encadro este tema como débeda histórica- xa que Lugo é a única Deputación de Galicia que aínda é titular de centros hospitalarios deste tipo e a única de España cun psiquiátrico ó seu cargo, situacións ambas totalmente anacrónicas”.

– O canon hidroeléctrico que afecta o Concello de Chantada e outros 15 concellos da provincia, que en total supón máis de 12 millóns de euros en tres anualidades, sendo o ano 2010 o derradeiro.

– O Consorcio do Parque de Bombeiros. “Precisamente, dentro da liña de cooperación coa Xunta de Galicia, foi constituido ó longo do presente ano e estará plenamente operativo no 2010 dun modo máis eficiente, se iso é posible, asumindo a aportación do 50% do custe, que estimamos ascende preto de 1.250.000€”.

b) Unha alianza cos Concellos para avanzar cara a saída da crise. Neste caso, o Presidente da Deputación lembrou outras actuacións dentro do apoio directo ós Concellos, como a iniciativa pioneira en España da contratación conxunta do subministro eléctrico, formalizada xa por 12 concellos. “En definitiva, temos un lema: xuntos aforramos máis. Precisamente, un modo de axudar nestes momentos é mellorar o periodo de pago a proveedores. Fixemos un arduo traballo e pasamos, en outubro do 2008, de pagar en 88 días a facelo, en agosto do 2009, en 33,22 días, obtendo uns resultados superiores ós recomendados pola Unión Europea”.

Plan G, e-administración e Km0 a Compostela

Dentro da liña de cooperación cos Concellos, Gómez Besteiro destacou o mantemento da capacidade inversora para o ano 2010 a pesar dunha baixada da aportación do Estado. “Fomos capaces de responder con eficacia ó Plan E, onde a Deputación -en menos de 24 horas- creou un fondo extraordinario para que ningún Concello, agás Lugo capital, tivese que afrontar os gastos dos proxectos e direccións de obra do Plan E. Este ano xa non será necesario, xa que este gasto está previsto polo Goberno Central, polo que reclamo o “Plan G”, un plan Zapatero aínda que se chame plan Feijoo”.

Asimesmo, salientou que a pasada semana, con preto de 7 millóns de euros, “demos luz verde ó prego máis grande aprobado nunca en Galicia destinado ás TICS, dentro do macro-programa INNOVATE”. Este programa da e-administración, cun orzamento global de 9.095.000€, terá unha anualidade no 2010 de 3.140.000€.

Gómez Besteiro fixo tamén fincapé no éxito do programa de visitas medioambientais “Km0. Deputación de Lugo” e destacou a versión “Km0 a Compostela”, deseñada para convertir o Camiño de Santiago nunha oportunidade económica que sobrepase a celebración propia do Ano Xacobeo. “Fomos a primeira administración galega que presentamos unha programación estable previa ó Xacobeo, iniciando o seu impulso o pasado 1 de setembro”.

O Presidente da Deputación incidiu na necesidade de cooperación, coordinación e concertación entre institucións e entes públicos para a mellora das políticas locais. Neste senso, lembrou a reunión da Comisión de Diputaciones, Cabildos e Consejos Insulares da FEMP, na que se acordou unha resolución, “a chamada Declaración de Lugo, que hoxe lle farei entrega ó Presidente da Comisión ó igual que lle farei chegar, ó igual que o primeiro Plan estratéxico provincial que a Fundación Caixa Galicia nos está a punto de entregar”.

Exit mobile version