Site icon Crónica3.com A Mariña

Persoal do Hospital da Costa protesta polo “intento de desmantelamento do sistema sanitario”

BURELA .- A Plataforma Sindical Unitaria formada polas centrais CC.OO, CESM, CIG, CSIF, SAE e UGT critica que “a austeridade soamente se ve reflectida no recorte en materias sociais” no proxecto de lei de Presupostos para o próximo ano, que “o goberno galego cualifica de austeros para facer fronte á grave situación económica”. Engaden que outro exemplo de austeridade nos presupostos “é o intento por parte da Consellería de Sanidade de suspensión de todos os acordos retributivos, de condicións de traballo e asistenciais para o vindeiro ano, acordos que foron pactados cos sindicatos presentes na Mesa Sectorial e publicados no Diario Oficial de Galicia”. En protesta, traballadores e traballadoras e os representantes sindicais da volvese a encerrar no vestíbulo da entrada principal do Hospital de Burela “e ademais teremos concentración as 12 h en sinal de protesta ante o que consideramos un claro intento de desmantelamento do sistema sanitario”

NOTA DE PRENSA

Plataforma sindical unitaria

No proxecto de lei de Presupostos para o próximo ano 2010, que o Goberno Galego cualifica de austeros para facer fronte á grave situación económica.Non obstante, esa austeridade soamente se ve reflectida no recorte en materias sociais: acabamos de asistir ao intento do goberno de suprimir os 200 euros das pensións non contributivas, pero ante as presións sociais e no Parlamento, tiveron que rectificar. Outro exemplo de austeridade nos presupostos é o intento por parte da Conselleria de Sanidade de suspensión de todos os acordos retributivos, de condicións de traballo e asistenciais para o ano 2010; estes acordos foron pactados cos sindicatos presentes na Mesa Sectorial e publicados no Diario Oficial de Galicia.

A razón esgrimida publicamente polo Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, é que nos tres últimos anos, as retribucións do persoal do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) tiveron uns incrementos por riba do I.P.C. A Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, dixo publicamente que os/as traballadores/as do SERGAS “esquilmaramos” as arcas públicas e que temos que ser solidarios coa situación actual.

Estas dúas afirmacións faltan claramente á verdade, porque como moi ben sabe Alberto Núñez, as retribucións do persoal do SERGAS viñan arrastrando un déficit cada vez maior con respecto a outros Sistemas de Saúde de España, chegando a alcanzarse unha elevada diferenza con respecto á media nacional, provocando unha desmotivación nos/as traballadores/as, e emigración de profesionais a outras Comunidades Autónomas e a Portugal. Todo iso repercutindo negativamente na calidade asistencial do Sistema Galego de Saúde.

Dende que a Consellería de Sanidade manifestou a súa intención de suspensión dos acordos asinados, a maioría dos sindicatos presentes na Mesa Sectorial (o máximo órgano de negociación entre a Administración e os representantes dos/as traballadores/as) constituímonos en Plataforma Sindical Unitaria (CCOO, CESM, CIG, CSI-F, USAE e UGT).

A Conselleira de Sanidade considera os profesionais sanitarios como o principal actor do Servizo Galego de Saúde, e ante a pandemia de gripe A se pide aos traballadores/as un maior compromiso e esforzo, e para iso decide suspender os acordos asinados anteriormente.

Coa suspensión dos acordos asinados asistimos a unha grave deterioración do sistema sanitario público, xa que non se inviste na sanidade pública, non se incrementan os equipos, redúcense as contratacións de persoal temporal, redúcense as prestacións sanitarias, entrégase o financiamento e a xestión dos novos centros sanitarios á iniciativa privada para que obteñan beneficios coa sanidade de todos. O resultado de todo iso será perda de calidade asistencial, incremento das listas de espera, e unha maior derivación a centros concertados coa sanidade privada.

Se o persoal da Área Sanitaria da Mariña vai gañar menos o ano que vén, se haberá menos contratos eventuais, si se invertirá menos en reformas e acondicionamento do hospital, a situación da bisbarra tamén vai empeorar, porque haberá máis paro, incrementaranse as listas de espera, o comercio venderá menos, etc.

Non sabemos como se poden entender as medidas de austeridade se os teléfonos de información para a gripe A, para pedir cita para ser atendido/a no seu centro de saúde, para pedir información sanitaria sobre situacións que non requiran asistencia urxente, son números 902, co que os usuarios terán que pagar máis pola súa chamada, incluídos os que nos seus contratos telefónicos teñen gratuítas as chamadas a teléfonos fixos (pero non aos 902). O goberno da Xunta considera que non é un bo momento acometer a suspensión do decreto de PLUS de altos cargos. O mantemento da construción da Cidade da Cultura (seguimos sen saber cales van ser os usos que se lle van dar), sen redución de presupostos, é unha medida de austeridade?. A importación de granito de Brasil (non vale o granito galego?), parécenos que é unha clara medida de solidariedade co propietario/a da canteira.

Por todo elo, os traballadores/as e os representantes sindicais da Plataforma, volvemos encerrarnos no vestíbulo da entrada principal do Hospital de Burela e ademais teremos concentración as 12 h en sinal de protesta ante o que consideramos un claro intento de desmantelamento do Sistema Sanitario Público e privatización deste.

Polo dereito a negociación

Pola defensa da sanidade pública

Burela, 10-11-09

cc.oo – cesm –  cig – csif – sae – ugt

Exit mobile version