Site icon Crónica3.com A Mariña

Preocupa no Concello de Cervo a indignación de veciños de Rúa e San Román pola estrada a Burela

CERVO .- “Crece a indignación dos veciños das parroquias cervenses de Rúa e San Román polo lamentable estado no que se atopa a principal estrada de comunicación co veciño municipio de Burela”, aseguran dende o Concello de Cervo onde se fan “eco desta situación, unha vez máis, despois de que nos últimos días estean a agudizarse as chamadas de veciños”.

NOTA DE PRENSA

Nin para o Concello nin para os veciños destas parroquias, que están a agudizar as súas queixas, son aceptables as escusas da Deputación que xustifican o mal estado da vía en que atopa en fase de obras.

CERVO FAISE ECO DA CRECENTE INDIGNACIÓN DOS VECIÑOS DE SAN ROMÁN E RÚA POLO LAMENTABLE ESTADO DA VIA QUE UNE ESTAS PARROQUIAS CO VECIÑO MUNICIPIO DE BURELA

* Os veciños temen que se repita o acontecido o pasado inverno, co tramo entre Rúa a San Román que permaneceu no esquecemento por parte do organismo provincial durante meses, porque a Deputación non asumía o asfaltado definitivo.
* O Goberno municipal considera unha falta de respecto institucional que pese a que teñen constancia da visita de técnicos da Deputación ás obras estes non se teñan posto en contacto con responsables municipais para verificar as deficiencias denunciadas, entre elas preocupa dun xeito especial o desnivel que quedaría nos puntos de conexión entre a estrada provincial e as locais, o que os converte en practicamente inaccesibles para os vehículos.

* As abundantes choivas dos últimos días e o vento fan intransitable gran parte dos treitos desta estrada que se atopan en terra, chea de fochancas e charcos, que aumentan o seu risco para os seus usuarios.

Cervo, 14 de novembro de 2009.- Crece a indignación dos veciños das parroquias cervenses de Rúa e San Román polo lamentable estado no que se atopa a principal estrada de comunicación co veciño municipio de Burela. O Concello de Cervo quixo facerse eco desta situación, unha vez máis, despois de que nos últimos días estean a agudizarse as chamadas de veciños para dar conta das súas queixas e da grande preocupación que supón o feito de que coas intensas choivas e o forte vento rexistrado nos últimos días esta vía estea a converterse nun espazo practicamente intransitable, o que acrecenta o risco para os seus usuarios e viandantes, e contribúe a illar a aqueles que teñen a súa vivenda na zona afectada polas obras.

TEMEN QUE SE REPITA A SITUACIÓN DO PASADO INVERNO

Responsables do Goberno municipal e veciños temen que se repita o acontecido o pasado inverno,  cando unhas obras similares no tramo desta mesma estrada entre Rúa a San Román permaneceu no esquecemento por parte do organismo provincial durante meses, porque a Deputación non asumía o asfaltado definitivo. Tivo que ser o Concello quen, con medios da súa titularidade e con carácter de urxencia, procedera ao rebacheo da estrada e a eliminar as múltiples fochancas que convertían esta vía en pouco máis ca un camiño de carros.

DESNIVEIS COAS ESTRADAS LOCAIS

Outra das demandas que o Goberno municipal trasladou á Deputación foi a necesidade de que unha vez finalizadas as obras o organismo provincial garanta a accesibilidade entre esta vía e as estradas locais. Na actualidade os puntos de conexión entre elas presentan un gran desnivel, con enormes pendentes de subida ou baixada que poderían non ser accesibles con vehículos. O Concello entende como unha falta de respecto institucional que unha vez trasladadas estas deficiencias e pese a que consta a visita de varios técnicos da Deputación ás obras nos últimos días, estes non se teñan posto en contacto nin cos responsables municipais nin co persoal da Oficina Técnica Local para comprobar in situ a situación das obras e as deficiencias denunciadas e que forman parte das queixas continuas dos veciños destas parroquias.

NON CONVENCEN AS ESCUSAS DA DIPUTACIÓN

Nin o Goberno municipal nin os veciños consideran aceptables nin razoables as escusas feitas públicas pola Deputación provincial quen xustificou o estado actual da vía de titularidade provincial en que esta se atopa en obras. Ambos coinciden en que a pesares de que os traballos para a mellora desta vía poidan prolongarse no tempo, e non acometan o asfaltado definitivo do treito, nada xustifica que a estrada non cumpra as mínimas condicións de seguridade para os vehículos e as persoas que fan uso dela, e moito menos que a lamentable condición actual faga desta estrada un espazo intransitable.

Exit mobile version