Site icon Crónica3.com A Mariña

Proxecións de “El Círculo” no vídeo-forun “Mulleres no Mundo” en Foz

FOZ .- “El Círculo”, premiada cun León de Ouro en Venecia, proxéctase mañá venres en Foz dentro da penúltima sesión do videoforum MULLERES NO MUNDO. O filme é documento da opresión e da resistencia das mulleres de Irán fronte ás inxustizas e feroz discriminación de xénero.

O filme proxectarase de 19h a 21h na aula universitaria da UNED de Foz, organismo que colabora, xunto con Radiofoz, co Observatorio da Mariña pola Igualdade no funcionamento desta actividade. Calquera persoa pode acudir. As tres sesións celebradas até agora contaron cun amplo seguimento de máis de corenta persoas en cada proxección.

“MULLERES NO MUNDO” trata de achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes.

O director de “El Círculo”, Jafar Panahi, pretende amosar nesta película a unha sociedade iraniana fondamente patriarcal na que as mulleres non valen nada e son vítimas dun destino sempre tráxico. Porén, amosa así mesmo a enorme capacidade de resistencia e acción das mulleres, aínda nas circunstancias máis adversas.

As sesións de “MULLERES NO MUNDO” están guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

Exit mobile version