Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo organiza un obradoiro de conciencia ecolóxica para o sábado

RIBADEO (FNC) .- O Concello de Ribadeo organiza un obradoiro de conciencia ecolóxica denominado Plántate con nós que se desenvolverá o vindeiro sábado 21 de novembro no parque de San Francisco de 11 a 13 horas e que terá como destinatarios os nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos. Segundo os datos facilitados pola Concellaría de Medio Ambiente “a día de hoxe temos a 20 nenos anotados para participar neste obradoiro, pero si hai máis interesados poden apuntarse ainda hoxe e mañá e tamén poden presentarse o sábado un pouco antes do inicio da actividade no parque de San Francisco”.

O edil de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, lembra que “o obradorio de conciencia ecolóxica pretende divulgar aspectos ambientais desde unha perspectiva lúdica. Os rapaces que participen aprenderán a contribuír ao desenvolvemento sostible, algo que está tan de actualidade, a partires da reutilización de obxectos antes de que se convertan en residuos. Van gozar dunha actividade de arborización ou plantación de maceta”.

O obradoiro terá por escenario dúas carpas que estarán situadas no parque de San Francisco o vindeiro sábado desde as 11 ás 13 horas. Os nenos de 3 a 10 anos que acudan deberán levar algún envase de iogur baleiro ou algún obxecto similar ademais de vestiario axeitado para non mancharse porque van traballar con terra.

Este obradoiro de conciencia ecolóxica está organizado polo núcleo de sostibilidade do Concello de Ribadeo.

Exit mobile version