Site icon Crónica3.com A Mariña

Técnicos da deputación visitaron a estrada costeira Altar-Reinante-Os Castros

RIBADEO .- Técnicos do departamento de Vías e Obras da deputación provincial desprazáronse a Ribadeo para continuar cos traballos no vial CP 0610 Altar-Reinante-Os Castros. “Trátase dunha obra prioritaria, polo que o organismo provincial seguirá a actuar na zona nos vindeiros días para presentar en tres semanas o proxecto definitivo “, aseguran

Nota de Prensa

A Deputación avanza no proxecto de mellora do acceso á praia das Catedrais

– Con esta actuación dáse resposta ao compromiso adquirido por Gómez Besteiro na visita realizada a Ribadeo o pasado venres
– Trátase dunha obra prioritaria, polo que o organismo provincial seguirá a actuar na zona nos vindeiros días para presentar en tres semanas o proxecto definitivo

A Deputación continou este martes cos trámites para avanzar no proxecto de mellora da estrada provincial que dá acceso á praia das Catedrais. Neste senso, técnicos do departamento de Vías e Obras do organismo provincial desprazáronse hoxe a Ribadeo para continuar cos traballos no vial CP 0610 Altar-Reinante-Os Castros. O persoal da Deputación supervisou as mediacións xa realizadas para proseguir agora coas actuacións de saneamento da zona.

Deste xeito, cúmprese co compromiso adquirido polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, na visita realizada a Ribadeo o pasado venres. O organismo provincial seguirá a actuar na zona nos vindeiros días para presentar en tres semanas o proxecto definitivo. Trátase dunha actuación prioritaria xa que é unha obra moi demandada polo Concello e os veciños, coa que se comprometeu Gómez Besteiro, e onde a institución provincial non traballaba dende hai 25 anos.

Actuacións concretas
A Deputación inviste 540.000 euros no acondicionará de preto de 2 quilómetros da CP 0610. Os traballos inclúen o ensanche do vial, a mellora do firme, a instalación de sinais horizontais e verticais, a colocación de ollos de gato, e a creación dunha rotonda.

Todas as actuacións irán concertadas coa Dirección Xeral de Costas. O proxecto do organismo provincial irá ademais, en paralelo coa certificación medioambiental da praia das Catedrais. Este areal será o único non urbano da provincia que terá esta distinción na que traballa a Deputación coa colaboración dos Alcaldes da Mariña.

A CP 0610 é unha estrada moi transitada, sobre todo en época estival, xa que recorre unha zona de interés turístico. Os traballos que acometerá a Deputación permitirán incrementar a seguridade dos peóns que accedan ás praias ao ensanchar o vial.

Exit mobile version