Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación abre novas oportunidades de negocio para a provincia en Suíza

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Directora Xeral de Cidadanía Española no Exterior, Pilar Pin, clausurará este mércores pola tarde o curso “Iniciativas Emprendedoras”, que impartiu o organismo provincial en Xenebra e estivo dirixido a emigrantes lucenses e ós seus descendentes asentados en Suíza. A acción formativa, de 6 semanas de duración, desenvolveuse dende o 9 de novembro ó 18 de decembro, e abre novas oportunidades de negocio para a provincia de Lugo.

Trátase dunha iniciativa pioneira da Deputación de Lugo, que busca o afianzamento das empresas e de emprendedores galegos que desempeñan a súa actividade laboral na cidade suíza. No curso, no que participaron 15 empresas, formouse ós empresarios nas ferramentas necesarias para elaborar un plan de mellora do negocio, ademais de tratar outros temas como a identificación do proxecto, tramitación administrativa, marketing ou financiamento.

No transcurso do acto, que se desenvolverá no local Social “A Nosa Galiza” e que contou coa asistencia de medio cento de empresarios, un alumno presentou o seu proxecto de empresa. Gómez Besteiro subliñou que “nesta cidade, a máis importante de Suíza despois de Zúrich, existe un amplo colectivo que quere investir en Lugo e en Galicia. A mellora dos negocios é algo ó que deben enfrontarse os empresarios, e isto faise máis difícil nestes momentos de crise económica. Con accións deste tipo a Deputación contribúe á creación de novas empresas e á mellora das existentes. É algo no que as administracións debemos implicarnos”.

Suíza é o lugar do mundo no que residen máis emigrantes galegos de primeira xeración, e en termos absolutos, a colonia galega no país helvético é a máis numerosa, despois de Arxentina. Segundo datos do censo electoral de españois residentes no estranxeiro (CERA) uns 30.000 galegos residen neste país, repartidos nas demarcacións consulares de Xenebra, Berna e Zúrich. Do total, un 25% son de Lugo.

Un éxito rotundo

Este curso xa se desenvolveu noutros países como Bos Aires e Uruguai. O titular provincial, quen explicará ós empresarios o Plan Estratéxico da Deputación que permite dar unha visión real e global da provincia, destacou que “é unha satisfacción saber que foi todo un éxito. Somos coñecedores de que estades contentos de como se desenvolveu esta iniciativa, que ademais de axudarvos na vosa faceta profesional, serviu para poñer en contacto a un grupo de persoas que compartides un vínculo moi importante ó ser descendentes de galegos ou de lucenses que estades afincados en Suíza. A partir da aquí créase un grupo de traballo estable para poder investir en Lugo”.

Entrevistas con máis empresarios

O Presidente da Deputación aproveitou a intensa viaxe dun só día en Xenebra para abrir novos mercados de negocio que xeren riqueza en Lugo. Neste senso, ademais de clausurar a acción formativa impartida nesta cidade polo organismo provincial, compartiu pola mañá unha xornada de traballo con presidentes e membros das xuntas directivas de Asociacións de Emigrantes en Suíza. Ademais de Pilar Pin, estivo acompañado do Canciller da Misión Española ante a ONU en Xenebra, Juan Cenzual, e do Conselleiro de Inmigración da Embaixada Española en Berna, José Ramón Manjón. O encontro produciuse nas instalacións da ONU, onde visitaron a Sala dos Dereitos Humanos e da Alianza das Civilizacións, na que se atopa a cúpula de Barceló que foi sufragada polo Goberno Central. Gómez Besteiro tamén estivo no Centro da Promoción da Cultura Galega en Lousane.

Exit mobile version