Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste uns 2 millóns de euros na mellora de vías provinciais

LUGO .- A Deputación inviste preto de 2 millóns de euros na mellora de varias vías provinciais que pertencen a estradas da Montaña, A Pontenova e Taboada, nas que o organismo provincial acondicionará preto de 24 quilómetros.

Nota de Prensa

A Deputación inviste preto de 2 millóns de euros na mellora de varias vías provinciais

– Pertencen a estradas da Montaña, A Pontenova e Taboada, nas que o organismo provincial acondicionará preto de 24 quilómetros

– A Xunta de Goberno aproba a contratación de máis actuacións do canon de Chantada, Monforte e Negueira de Muñiz por valor de 866.000 euros

– Acórdase a contratación do servizo de asistencia técnica, xurídica e administrativa para a xestión do ciclo integral da auga nos 23 Concellos que se sumaron a esta liña de Cooperación

A Deputación inviste preto de 2 millóns de euros na mellora de varias vías provinciais da Montaña, A Pontenova e Taboada. A Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación provisional das obras da CP 0706 de Guilfrei por Meizarán a Lamas, dende o punto quilométrico 0,000 ó 9,436, por valor de 830.339 euros; da C.P 4803 da Pontenova a Aguaxosa, dende o punto quilométrico 0,000 ó 11,000, por un importe de 928.501 euros; e o acondicionamento da estrada provincial que vai dende a N-540, por Campo e Piñeira, no Concello de Taboada.

No primeiro caso, trátase dunha vía que pasa polos Concellos de Becerreá, As Nogais e Triacastela, e a empresa adxudicataria é ACOVAL. Na estrada da Pontenova a empresa foi Isidro Otero e, na do municipio taboadés, Taboada e Ramos. Nesta, as obras afectarán a un treito de 3 quilómetros e a Deputación investirá 110.965 euros.

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que son “actuacións de grande importancia para estes Concellos, xa que en total acondicionaremos preto de 24 quilómetros, ós que destinaremos 1.861.805 euros. Isto demostra o compromiso que ten a Deputación por ter unha rede viaria provincial en condicións, garantindo a seguridade dos cidadáns”. Neste senso, destacou que “son obras nas que predomina a aplicación de aglomerado en quente e a súa lonxitude, polo que estamos a realizar un esforzo extraordinario por manter as nosas estradas, garantindo os benestar dos veciños e veciñas da provincia”.

Canon hidroeléctrico

Fóra da Orde do Día tamén se aprobou a adxudicación provisional do acondicionamento do mercado gandeiro de Chantada a Construcións Mero por valor de 369.322 euros e as piscinas ó aire libre, edificio de bombeo e filtracións a Construcións Voces Chantada por un importe de 384.758 euros.

O pago do canon era unha débeda que arrastraba a Deputación co Concello chantadino desde hai 18 anos, e que xa pasou á historia. Grazas ó Plan de Obras, renovarase por completo o firme do mercado, mellorando notablemente a estrutura interna e de utilización do recinto e do seu acceso.

Asimesmo, deuse o visto e prace ó proxecto técnico relativo á contratación das obras da iluminación do río Cabe, en Monforte de Lemos, por valor de 87.613 euros. Esta actuación inclúese dentro do canon 08-09 deste municipio, ó que lle corresponden máis de 155.000 euros. Esta cantidade corresponde ós dous terzos da débeda total, quedando un terzo para o ano 2010.

Dentro deste apartado, tamén se aprobou o expedente de contratación da subministración e a adxudicación dunha cuña quitaneves para o Concello de Negueira de Muñiz por un importe de 24.418 euros. Esta actuación forma parte do canon deste Concello que, xunto co de Fonsagrada, se atopa na Zona Norte, e que, segundo o reparto, lles corresponden en 2008 e 2009 máis de 620.000 euros.

Outros acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno acordou a contratación do servizo de asistencia técnica, xurídica e administrativa para a xestión do ciclo integral da auga nos Concellos da provincia. “Esta e outra medida de Cooperación, coa que aforraremos cartos ás entidades locais, ó igual que fixemos coa contratación do subministro eléctrico, que tanto éxito acadou e á que se adheriron preto de 50 Concellos”.

O importe deste servizo é de 37.700 euros e os municipios que amosaron o seu interese foron 23: Abadín, Baralla, Begonte, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Láncara, Meira, Monforte de Lemos, Monterroso, Navia de Suarna, Ourol, Paradela, A Pastoriza, Pobra de Brollón, Pol, Portomarín, Rábade, Ribadeo, Samos, Sarria e Taboada . Trátase dun estudo sobre a situación de servizos de abastecemento de auga potable, sumidoiros e depuración, así como da xestión de contadores e facturación. Permitirá coñecer o ciclo integral da auga e proceder á toma de decisións que se poidan levar a cabo.

Aprobouse o convenio entre a Deputación e a Universidade de Santiago de Compostela para a urbanización do edificio “A Granxa” para sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER). Deste xeito, a subvención que se concede á USC ascende a 205.057 euros.

Tamén se acordou aprobar 10 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais dos anos 2008 (8) e 2007 (2). Suman 99.344 euros e a Deputación aporta 62.002 euros. Pertencen ós Concellos de Castroverde, A Fonsagrada, Guitiriz, Guntín, Mondoñedo, Pol, Ribeira de Piquín, Xermade, O Valadouro(2).

Exit mobile version